Vendedores de toda a vida para o gran bazar virtual
A principal limitación do puxante comercio electrónico é a falta de contacto persoal co cliente. A intuición e a experiencia do dependente para asesoralo e gañar a súa confianza son valores dos que carece a tenda virtual. Isto ata agora, porque Converfit conseguiu personalizar as compras online cunha ferramenta en pleno despegue que captou o interese de Google e Microsoft.
Apple
abriu a súa primeira tenda o 19 de maio de 2001. O xigante estadounidense tardou 25 anos en poñer en práctica o desexo do seu carismático líder, Steve Jobs, de amosar a cara amable da tecnoloxía en locais moi abertos onde probar antes de comprar. En só unha fin de semana acudiron ao establecemento máis de 7.700 persoas. Foi, como destacan os expertos en marketing, unha “reinvención” do comercio polo miúdo que converteu o dependente na peza fundamental. Os candidatos a traballar nunha tenda de Apple pasan entre seis e oito entrevistas para medir as súas habilidades na atención ao público.
Pero, que pasaría se tivesen que facelo cunha venda nos ollos?
“Cando alguén entra na tenda, o dependente pode saber moitas cousas sobre esa persoa cunha soa ollada”, apunta Pablo Gutiérrez-Alfaro, un dos fundadores e CEO de Converfit. Desde o sexo á idade aproximada, e “tamén os seus intereses” se pasea para mirar a mercadoría. “Isto mesmo fai a nosa ferramenta –resume Gutiérrez-Alfaro–, só que no mundo online”.
Chatear e mercar
Pablo e Jorge Rodríguez Núñez, o outro cofundador de Converfit
e director de operacións, traballaban para varias empresas de comercio electrónico. Entre as necesidades que lles trasladaban e as que eles atopaban como consumidores, estes dous enxeñeiros vigueses decatáronse de que a ausencia de contacto persoal freaba o potencial do e-commerce.
A súa primeira idea para romper as barreiras entre a web e o usuario foi Citious
. A aplicación, cun servizo de mensaxería instantáneo, permitía que comprador e vendedor puidesen falar sobre a dispoñibilidade dos produtos e os talles, ou evitar os sempre molestos tempos de espera ao teléfono co servizo posvenda.
Citious foi un dos dez proxectos seleccionados en 2015 na segunda edición da aceleradora de empresas VíaGalicia, impulsada pola Xunta e a Zona Franca de Vigo. “Supuxo un apoio importante á hora de poñer en marcha a empresa –conta Jorge Rodríguez–. Deunos osíxeno económico suficiente para os investimentos iniciais sen ter que depender de financiamento bancario”.
Durante ese proceso de maduración, a ferramenta avanzou un paso máis na idea que desde había tempo tiñan na cabeza os dous emprendedores. Por que se cada cliente é diferente as empresas ofrecen a todos o mesmo en internet? Citious evolucionou a Converfit, un software que analiza quen está detrás da pantalla para proporcionarlle unha experiencia de compra exclusiva.
A segmentación de clientes
A porcentaxe de visitantes nunha web que finalmente adquire algo vai, segundo o Observatorio Ecommerce, do 1% ao 3%. As ferramentas que permitían segmentar os clientes e animar as compras eran, ata agora, “complicadas de instalar e para moitas tiñas que ser un experto ou contratar a un para poder utilizalas con éxito”.
É a outra vantaxe de Converfit, unha solución sinxela con plans de actuación específicos en función do número de usuarios da web e que adapta as súas funcionalidades tanto para grandes empresas e pemes como para pequenos comercios que vendan por internet e incluso blogs, “porque achega contido personalizado aos seus visitantes”, sinala Rodríguez Núñez.
Dun usuario que acaba de acceder sábese o país de procedencia e o dispositivo que utiliza. Se chega desde Facebook, é posible coñecer a idade, o sexo e os seus gustos; ou o que quere comprar se vén dunha campaña de publicidade patrocinada, así como as tendencias que lle interesan se segue o blog dun influencer.
“Isto sería nada máis entrar na web. Cando empeza a navegar poderiamos descubrir as súas preferencias de cores, talles, produtos, etc.”, relata o CEO de Converfit. Todos os datos útiles para interactuar co usuario e enviarlle recomendacións a través de banners ou correos.
O dependente, así, xa non ten unha venda nos ollos.
No radar de Google e Microsoft
A startup galega foi a única empresa española que o programa de emprendedores de Microsoft
(Microsoft Ventures Accelerator) escolleu a finais de 2015 para traballar man a man cos seus mentores durante tres meses. Seguiulle Google
, que invitou aos creadores de Converfit ao BlackBoxConnect en Silicon Valley para tecer contactos con inversores internacionais.
Espertar o interese de dous dos símbolos mundiais da tecnoloxía é, para os responsables de Converfit, “un selo de calidade que podes presentar aos clientes”.
“Hoxe en día, antes de contratar un servizo practicamente todos buscamos opinións en internet –di Jorge Rodríguez–. E, cando nos buscan, ven que pasamos por un periodo de aceleración supervisado por unha das mellores empresas do mundo e formamos parte do seu programa”.
Converfit segue crecendo agora no Programa Lanzadera de Valencia. Teñen xa 19 clientes. “O noso obxectivo é conseguir o investimento necesario para seguir crecendo a nivel nacional e explorar o mercado internacional”, avanza Rodríguez.
“Queremos ser un referente en conversión, que os nosos clientes poidan aproveitar a nosa ferramenta e que as súas estratexias poidan facerse realidade”, engade Gutiérrez-Alfaro.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Vídeo relacionado
Subscríbete vía RSS