O software de refrixeración que loita por un planeta verde
«Estar sempre á vangarda en innovación permitiunos ser un referente en xestión e eficiencia enerxética».
Despois de ser pioneira no uso do CO2 como refrixerante en España, Cofrico quere agora liderar a xestión eficiente da enerxía nas grandes instalacións industriais. A empresa galega especializada en solucións de frío e climatización desenvolveu unha disruptiva plataforma con ferramentas da industria 4.0 e big data que pode reducir a factura eléctrica ata un 50 % e anticipa posibles avarías nas instalacións.
O chocolate é tan rico coma sensible. Aféctalle case todo. As partículas de azucre e cacao atraen a humidade e os olores. Se hai cambios bruscos de temperatura ou se superan os 18 graos, aparece o efecto fat bloom: a graxa aflora e volve solidificarse outra vez cando baixa a calor, deixando unha capa esbrancuxada inocua, pero o suficientemente desagradable para que moita xente crea que está estragado.
Este produto exemplifica o singulares que poden ser “as necesidades enerxéticas de cada centro de produción” e a importancia de ter “un frío de calidade”, segundo o director xeral de Cofrico, José Luis Fernández, con base na dilatada experiencia na alimentación e no resto de sectores industriais e comerciais aos que a empresa con sede en Bergondo (A Coruña) lles ofrece solucións integrais de frío e climatización. “A descarbonización, a innovación e a industria 4.0 son as nosas armas, buscando sempre aportarlle valor ao cliente e velar pola sustentabilidade e a seguridade alimentaria”.
Diversificación: o antídoto contra as crises
Empresas lácteas, queixeiras, pesqueiras e de froita; industrias de maquinaria e compoñentes; laboratorios de ITV; farmacéuticas; grandes recintos de almacenaxe e loxística… Cofrico puxo en pé máis de 5.000 proxectos desde o seu nacemento en 1985 en Burela. Perfís de clientes moi diferentes, pero con algo fundamental en común. “Son consumidores intensivos de enerxía”, responde Fernández. En moitas empresas, as instalacións frigoríficas poden representar arredor do 80% da súa factura.
O grupo ten cinco liñas de negocio especializadas por ramas de actividade, con equipos propios e expertise compartido para aproveitar o know how en tecnoloxías. “A diversificación foi clave na expansión –asegura o director xeral–. Grazas a iso, sorteamos as crises sectoriais sen demasiados abafos”.
Un método de innovación áxil e colaborativo
Cofrico foi pioneira na utilización do CO2 como refrixerante en 2011. “Cando ninguén en España se dedicaba a iso –salienta Fernández–. A segunda instalación de CO2 transcrítico para unha gran superficie comercial que se fixo foi nosa. Desde entón, é unha tecnoloxía que non ten segredos para nós”. Os departamentos de enxeñería e I+D abandeiran a forte aposta pola innovación na empresa, “que trata de estar en primeira liña” co apoio de centros tecnolóxicos punteiros como Gradiant e Energylab e das universidades galegas.
A empresa utiliza a metodoloxía Scrum para a innovación áxil e colaborativa nun equipo multidisciplinar con case unha vintena de profesionais (informáticos, matemáticos e enxeñeiros de automatización, entre outros). Con base nela, Cofrico desenvolveu unha plataforma cloud cun sistema avanzado de software ao que non se lle escapa nada nos sistemas de frío e climatización. “Empezou como unha ferramenta de medición e eficiencia enerxética e convertémola nun vertical de refrixeración que xestiona todo: enerxía, mantemento, produto e seguridade alimentaria”, detalla José Luis Fernández.
Cofriview365 integra todas as variables enerxéticas e de procesos e emprega o big data para facer un mantemento preventivo e preditivo. Ás industrias que contan coas súas propias plantas de xeración dálles a posibilidade “dunha xestión adaptativa da enerxía que autoproducen ou compran para consumila cando máis interese”, segundo Fernández, “en función dos seus procesos de produción, os prezos do mercado eléctrico e os tramos horarios de tarifa”.
“Chegamos a reducir ata un 50% os custos enerxéticos –conta o líder de Cofrico–. Temos casos de éxito de clientes cos mesmos custos que hai seis ou sete anos, a pesar de duplicar a potencia frigorífica e dispoñer do triplo de capacidade de almacenamento”. É un produto pensado por e para o modelo de industria 4.0, no que Cofrico ten un proxecto piloto respaldado polo Igape. O xemelgo dixital –réplica virtual da máquina real– permite adiantarse a posibles erros e resolver problemas online para racionalizar os desprazamentos físicos. “E en caso de ter que acudir, os nosos técnicos xa saben onde está o problema”, conta Fernández.
Por que innovar?
“Estar sempre á vangarda da tecnoloxía e investir en innovación é o que nos permitiu traspasar os límites dun pobo de 9.000 habitantes para converternos nun operador nacional de referencia”, afirma o director xeral de Cofrico. A empresa está nestes momentos dando un paso máis no seu crecemento coa súa plataforma de eficiencia enerxética e mantemento preditivo: “É o que nos está abrindo as portas da internacionalización”.
Cofrico está convencida de que a sociedade camiña “a un cambio de modelo cultural, da estrutura das organizacións e dos modelos de negocio. Tamén cambiará o noso”, admite José Luis Fernández, ante o avance imparable da transición ecolóxica. Por iso o grupo trata de aplicar a innovación “tanto internamente como a nivel externo. Sen innovación, non estás á altura das circunstancias –engade–. Xa podes ser moi barato, que o comprador non comprará se non achegas valor engadido”.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS