O teu amigo de catro patas pode vivir máis e mellor
Centauri Biotech é una biotecnolóxica única. Polo que fai, curar con células nai doenzas de cans, gatos e cabalos, moitas veces sen unha alternativa convencional; pero tamén por como o fai, cun equipo de científicos que elabora tratamentos “á carta”. Despois de cinco anos de éxito, a compañía ensaia fármacos que permitirían a universalización destas terapias nas mascotas, que en España suman case 10 millóns de amigos de catro patas.
De nada serviron os tres anos de tratamento convencional para Ronon. A doenza dexenerativa nos seus dous cóbados ía a peor. O problema de Genaro eran os numerosos traumatismos despois dun atropelo. A amputación dunha das extremidades parecía inevitable. Para Jack, os seus días de rescatador nos Pirineos estaban contados. Nin a cirurxía era capaz de aliviar a coxeira e a dor intensa provocadas pola artrose no ombro e o cóbado.
Os tres teñen en común que son cans e os tres recuperáronse grazas a terapias con células nai deseñadas en Galicia. Un procedemento aínda incipiente na cura de enfermidades en humanos pode parecer máis raro se falamos de animais. Pero tamén Centauri Biotech, a empresa que salvou a Ronon, Genaro e Jack é única na súa especie.
Cunha longa traxectoria en investigación biomédica e convencidos de que as células nai protagonizarán a próxima xeración de medicamentos, os fundadores fixéronse unha sinxela pregunta que marcou o rumbo do proxecto e que os converte nunha referencia mundial en servizos sanitarios: ¿por que os animais non poden beneficiarse tamén dos avances aplicados ás persoas neste campo tan prometedor?
Cans, gatos e cabalos
Centauri Biotech traballa en doenzas moi frecuentes de tres especies. En equinos trata lesións do aparello locomotor, como roturas parciais de ligamentos e tendóns, habituais nos cabalos de competición. En cans aborda a artrose e as patoloxías de orixe autoinmune, incluída a equivalente á enfermidade de Crohn das persoas. Para gatos, os resultados en asma e xinxivoestomatite están a ser “moi satisfactorios”, asegura Luis Mariñas Pardo, cofundador e director de I+D+i.
O éxito dos tratamentos tradicionais é reducido en moitas destas doenzas, que poden provocar importantes efectos secundarios polo consumo crónico de medicamentos e longos periodos de recuperación. O uso de células nai permite terapias personalizadas –“¡animalizadas!”, bromean na empresa con sede en Arteixo– que evitan os fármacos invasivos, ofrecen unha alternativa se o quirófano está desaconsellado ou son a única opción posible de cura porque non hai outra.
Un mercado sen límites
En 2012, cando naceu Centauri Biotech, só existían unha compañía no Reino Unido e outra en EEUU cunha actividade similar. A diferenza de ambas, centros veterinarios, o enfoque da empresa galega é pioneiro: un equipo científico multidisciplinar liderado por biólogos elabora os tratamentos e logo entrégaos á rede de veterinarios colaboradores que solicitan os seus servizos. “Parece o sensato –indica Luis Mariñas–. En medicamentos humanos ninguén pensaría nun doutor elaborando os seus propios fármacos na consulta”.
Como referencia do potencial de negocio de Centauri Biotech, un de cada catro fogares en España ten can e un de cada cinco ten un gato. Máis de nove millóns de mellores amigos. En toda Europa as porcentaxes aumentan ao 28% e 33%, respectivamente. O número de cabalos no noso país rolda os 500.000 e Latinoamérica, cunha cultura cabalar moi arraigada pola hípica e o polo, dispara as oportunidades no estranxeiro.
“Todas as novas tecnoloxías necesitan un tempo para seren coñecidas e aceptadas polos usuarios finais”, apunta Mariñas. A empresa realizou un intenso labor de difusión “que coincidiu cun repunte do sector veterinario en xeral”. “Aínda que o número de mascotas permanece constante, a súa visibilidade é cada vez maior –engade–. Existe un fenómeno crecente de humanización. Cada vez tratamos o noso can ou gato como un membro máis da familia e queremos para eles o mesmo trato que esiximos para nós mesmos”.
Dúas variedades de tratamento
O modelo de negocio de Centuri Biotech inclúe dous campos de actuación diferentes, acordes á lexislación de medicamentos veterinarios. Están, por unha banda, os tratamentos autólogos: realízaselle unha biopsia ao animal para conseguir células e transformalas en músculo, óso ou tendón, en función da súa enfermidade. A compañía conta cun biobanco propio coas mesmas técnicas de conservación que as células humanas. É un valor engadido para os clientes porque pode elaborar novas doses para o mesmo animal se o necesita no futuro.
Doutra banda están os tratamentos aloxénicos: unha mostra dun animal para tratar a outros diferentes. É un medicamento que require ensaios clínicos para a súa aprobación. “Un camiño que estamos a percorrer actualmente”, di Mariñas.
Non hai ningunha terapia aloxénica autorizada neste momento en Europa e EEUU e Centauri Biotech conta co permiso para os ensaios. “Esperamos –engade o responsable de innovación– ver resultados no medio prazo”.
Apoio para seguir crecendo
Nese camiño, Centauri Biotech atopou a colaboración do fondo I2C promovido pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e Xesgalicia para apoiar, mediante capital risco, proxectos empresariais innovadores, especialmente os que resulten da posta en valor de coñecemento xerado polos axentes do sistema galego de I+D+i. O fondo da Xunta
asumiu o 15% do capital na ampliación da biotecnolóxica en setembro de 2015. “Foi un gran respaldo –valora Luis Mariñas–. Buscabamos un socio que non só achegase capital e obtivemos o plus dunha longa experiencia no apoio a startups, algo de gran importancia no noso día a día”.
Cando rematen os ensaios clínicos, a seguinte meta será a validación de fármacos na Axencia Europea do Medicamento para “universalizar” as terapias con células nai, “un mundo completamente novo no que está case todo por facer”.
“Desde o meu punto de vista, o máis difícil neste tipo de proxectos é ser capaz de consolidar un equipo humano complementario, con aspiracións compatibles cos obxectivos da compañía –destaca Mariñas Pardo–. A enorme sintonía persoal dos fundadores foi esencial para chegar a ese punto e os momentos difíciles supéranse traballando un pouquiño máis”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS