Ferramentas químicas con forma de Lego para atopar novos medicamentos
Celtarys aplicou esta tecnoloxía ao deseño e síntese de sondas fluorescentes específicas para dianas terapéuticas de interese clínico e comercial para ser usadas nas etapas iniciais do proceso de descubrimento de fármacos.
A pandemia demostrou a importancia da investigación biomédica. Dispoñer de medicamentos eficaces é unha prioridade, pero o proceso de descubrimento é longo, complexo e moi custoso. É neste ámbito onde Celtarys achega valor. E é que a súa tecnoloxía contribúe a mellorar a eficiencia das etapas iniciais de investigación, axudando a acelerar o proceso e facilitar a chegada de novos medicamentos.
Celtarys, spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, xurdida do Programa Ignicia, desenvolvido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié, conta cunha tecnoloxía química propia que permite desenvolver arquitecturas moleculares dun xeito máis eficiente que coa química convencional. “O factor diferencial desta tecnoloxía, disruptiva e patentada, é que actúa a modo de construción Lego, combinando as distintas pezas de maneira semicombinatoria o que implica que podemos probar moitas combinacións, grazas tamén a unhas caixas de ferramentas que xeramos previamente e que se poden utilizar en distintos proxectos. Desta forma maximizamos as posibilidades de éxito dos nosos desenvolvementos”, explica Sonia Martínez Arca, socia e CEO da compañía.
Celtarys aplicou esta tecnoloxía ao deseño e síntese de sondas fluorescentes específicas para dianas terapéuticas de interese clínico e comercial para ser usadas nas etapas iniciais do proceso de descubrimento de fármacos. Agora dispón dun catálogo duns 30 produtos, dirixidos a unha das familias de proteínas máis estudadas pola súa implicación en numerosos procesos fisiolóxicos e patolóxicos, como poden ser os receptores de Adenosina ou Dopamina. Ademais, prestan servizos aplicando a súa tecnoloxía ao desenvolvemento de sondas fluorescentes a medida para calquera diana de interese.
Os principais clientes de Celtarys son empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas internacionais. “Trátase dun sector moi globalizado e moi competitivo, dominado en gran medida por empresas grandes, aínda que tamén é un ámbito ávido de innovacións sempre que acheguen valor. E é aquí onde se sitúa a nosa oportunidade de negocio, no valor que achega a nosa tecnoloxía en termos de eficacia e versatilidade e no noso equipo científico, que pon a disposición o seu coñecemento e longa experiencia”, sinala Sonia Martínez Arca.
De cara ao futuro, o principal reto desta spin-off é consolidar a validación comercial dos seus produtos. “Nos próximos meses esperamos afianzar o noso posicionamento no mercado”, explica a CEO da compañía. No plano técnico, buscan ampliar o seu catálogo a outras dianas terapéuticas e, máis a longo prazo, validar o uso da súa tecnoloxía para o desenvolvemento de novos medicamentos.
Ignicia: clave para resultar atractivos aos investidores.
Sobre o apoio recibido polo Programa Ignicia, Sonia Martínez Arca sinala que “foi clave para estruturar todo o proceso de transferencia de tecnoloxía desde a Universidade de Santiago cara á empresa, tamén para madurar o modelo de negocio antes da constitución da empresa, levando a cabo análise de mercado e contactos con potenciais usuarios e investidores. E, por suposto, permitiunos completar a validación técnica da tecnoloxía, dispoñer dunha proba de concepto robusta para arrincar a empresa cunha tecnoloxía xa validada e resultar atractivos a investidores. O seguimento e o apoio dos profesionais do programa foi moi importante para conseguir os fitos relacionados coa parte comercial e empresarial”.
Celtarys naceu da investigación levada a cabo durante anos no grupo do profesor Eddy Sotelo, do CiQUS. Entre os fundadores, están tamén os outros inventores da patente: Maria Majellaro, -actual directora Científica da empresa- e Jhonny Azuaje, así como outros investigadores da USC implicados no proxecto, entre eles os profesores Mabel Loza e Javier Sardina. O equipo directivo complétase con Sonia Martínez Arca, socia e CEO da compañía.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS