Intelixencia artificial para combater a soidade dos maiores
«Celia sempre está dispoñible para xogar, para conversar, para propoñer adiviñas, ou para algo tan importante como para escoitar ás persoas. En paralelo usa a súa tecnoloxía para detectar síntomas de doenzas como o alzhéimer, a demencia, a ansiedade ou a depresión».
Unha de cada catro persoas maiores no mundo sufre illamento social. A soidade non desexada estase a converter nunha pandemia silenciosa ata o punto de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) anunciou a creación dunha comisión para abordar a soidade como unha ameaza para a saúde tanto física como mental. De feito, asóciase cun aumento de ata o 50% na demencia e un 30% nos accidentes cerebrovasculares e as enfermidades cardiovasculares.
Co obxectivo de entreter ás persoas maiores á vez que detecta síntomas de doenzas como o alzhéimer, a demencia, a ansiedade ou a depresión, naceu o proxecto Celia, que conta co apoio do Programa Ignicia, promovido pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié.
O equipo do grupo GTI do centro de investigación atlanTTic, liderado por Javier González Castaño, traballou intensamente na detección de síntomas de enfermidades neurodexenerativas ata que desenvolveu Celia, un asistente dixital de conversación orientado a persoas de idades avanzadas, cuxa tecnoloxía patentada permite detectar síntomas de deterioración cognitiva e, ademais, recomenda ao usuario a visita a un profesional neurolóxico para un diagnóstico completo.
“Celia sempre está dispoñible para xogar, para conversar, para propoñer adiviñas, ou para algo tan importante como para escoitar ás persoas. En paralelo usa a súa tecnoloxía para detectar síntomas de doenzas como o alzhéimer, a demencia, a ansiedade ou a depresión. Celia non é un ser humano e o seu labor non é substituílo, pero si, entreter e coidar”, explica Pablo Campos, director do proxecto Celia.
Celia é un asistente que está dispoñible para smartphones e tablets, pódese usar a través da aplicación ou en Whatsapp e para probalo só é necesario entrar na súa páxina web www.celiatecuida.com.
Sobre o futuro do proxecto, Pablo Campos indica que segue progresando tanto no seu desenvolvemento tecnolóxico como na súa adopción por parte dos usuarios. “Cada día existen novas solucións de intelixencia artificial e as grandes compañías están a investir en mellorar continuamente a tecnoloxía. Sen dúbida, conviviremos nun futuro próximo con asistentes dixitais, e o éxito do lanzamento de Celia entre os usuarios é unha mostra de que estamos preparados para iso”, engade.
No que se refire á achega do Programa Ignicia ao despegue do proxecto, o director do proxecto Celia fai fincapé en que lle permitiu progresar desde a visión da investigación a un concepto de “Go to market”, así como da perspectiva de como chegar a cambiar a vida das persoas mediante a tecnoloxía desenvolvida. Ao longo de todo o Programa Ignicia o equipo que está detrás de Celia foise formando con persoas con visións diferentes que foron enriquecendo o proxecto con diferentes perfís como son os de negocio e software, pero tamén psico-xerontoloxía, neuro-psicoloxía ou neuroloxía. “Hoxe en día Celia realízase mediante investimento financeiro e Ignicia é un magnífico programa que permitiu incorporar a novos perfís no equipo e a investir nesa chegada ao mercado. Foi literalmente un antes e un despois desde a visión do proxecto tecnolóxico en si mesmo”, afirma.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS