Así será o verdadeiro coche fantástico
A fraude das emisións causou en Europa o endurecemento das medicións dos gases dos vehículos e a obriga dos fabricantes de manter un equilibrio exquisito entre o respecto ao medio ambiente e as prestacións do motor. Ese é o gran obxectivo da unidade mixta de investigación coa que o CTAG e Borgwarner queren crear en Galicia un polo de excelencia tecnolóxica para a mobilidade sustentable.
Rudolf Diesel estivo a piques de perder a cabeza, literalmente, co invento ao que dedicou toda a súa carreira. Na primeira demostración pública do motor de gasóleo, o prototipo estalou e abriu un enorme buraco no teito. “Estou convencido de que, antes ou despois, o meu motor propulsará o automóbil e poderei dar por terminada a miña misión nesta vida”, escribiu pouco antes de morrer.
O enxeñeiro alemán quitouse a vida na noite do 29 de setembro de 1913 e non chegou a ver o alcance da súa creación.
Pero tiña razón. Os motores diésel moven hoxe máis da metade do parque móbil europeo. Consomen menos combustible, pero contaminan ata catro veces máis, sobre todo polo óxido de nitróxeno (NOx). Aínda que o sector do transporte está sometido a fortes restricións dos seus gases desde a entrada en vigor do Protocolo de Kioto, os casos recentes de fraudes nas emisións de automóbiles obrigaron ás autoridades europeas a pór a lupa en calquera punto do motor en circulación por cidade, no rural e na autoestrada co novo ensaio REDE (emisións en condución real, polas súas siglas en inglés).
“As tecnoloxías destinadas á redución de emisións atópanse ante o desafío de garantir a súa completa eficiencia en condicións de funcionamento máis extremas e en maiores e máis esixentes períodos de utilización”, explica Marcial Valencia, investigador responsable do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) na Unidade Mixta de Investigación (UMI) creada coa multinacional Borgwarner para reducir as emisións do sector e implantar “un polo de excelencia en Galicia en novos produtos e tecnoloxías disruptivas para unha mobilidade sustentable”.
Alianza de referentes
A colaboración entre Borgwarner e o CTAG remóntase aos inicios do centro. “Temos unha ampla historia de traballo conxunto en actividades de I+D que arrincou en 2004 e foi crecendo progresivamente para abordar novas liñas de actividade”, sinala José Antonio Grande, responsable técnico na UMI por parte do xigante empresarial estadounidense, líder mundial no deseño e fabricación de módulos de recirculación de gases de escape (EGR) para diminuír as emisións de NOx.
O CTAG é especialista en ensaios e validación de compoñentes do motor, con medios específicos para examinar EGR de tecnoloxías e aplicacións diversas.
O potencial dos módulos de recirculación de gases para aforrar combustible e recuperar a calor que se escapa dos coches abriu unha desas novas liñas de cooperación, apoiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). A de Borgwarner e o CTAG é unha das 24 Unidades Mixtas de Investigación, ás que moi pronto se sumarán outras novas, coas que a Xunta impulsa as colaboracións estratéxicas entre empresas e centros de coñecemento en áreas de innovación aliñadas coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3 Galicia).
Enfoque “mixto”
A sede central da unidade está no CTAG, aínda que puntualmente se fan actividades de reforzo para a área de deseño no Borgwarner Emissions Systems Spain, o centro de referencia de innovación en tecnoloxías de control de emisións para todo o grupo Borgwarner inaugurado en Vigo a finais do ano pasado.
O equipo multidisciplinar está formado por 70 profesionais. Os roles repártense en función das liñas de investigación e as capacidades de cada parte, pero cun “enfoque mixto”, subliñan os seus responsables, de todos os traballos.
Despois dunha fase inicial de análise de mercado, a UMI empezou o deseño e fabricación dos primeiros prototipos e os medios de ensaio para a súa validación. Os bos resultados permitiron consolidar o grupo e ampliar a duración, a temática e, incluso, as instalacións.
Ampliación ao vehículo eléctrico
“Nesta nova etapa facemos especial énfase nas actividades relacionadas coa electronificación e control de sistemas polas súas grandes posibilidades coa chegada dos vehículos híbridos e eléctricos, ademais do cambio de paradigma que supón a RDE”, indica Grande.
A nova normativa de medición de emisións obriga a buscar tecnoloxías que minimicen os efectos dos combustibles “sen perder prestacións”, como recalca Marcial Valencia.
Con 13 patentes xa rexistradas, a previsión é sacar os primeiros compoñentes ao mercado entre 2019 e 2020. Dentro dos proxectos avanzados están un sistema que transforma calor dos escapes dos vehículos en electricidade para o seu uso a bordo e unha xestión máis eficiente da enerxía nos coches eléctricos.
Novo modelo de transporte
A UMI non perde de vista a reconversión do escenario enerxético e ambiental. A irrupción de vehículos máis sustentables “postúlase como a solución óptima para a eficiencia enerxética e a transición a un transporte racionalizado”, segundo o responsable técnico de Borgwarner. “Pero –engade– sen deixar de lado a realidade que temos hoxe nas nosas estradas, cunha maioría de motores de combustibles convencionais”.
As melloras no consumo e a redución de emisións teñen as claves do coche fantástico do futuro. Nel viaxará a economía baixa en carbono pola que aposta a Comisión Europea
no seu plan Enerxía 2020: Estratexia para unha enerxía competitiva, sustentable e segura. “As entidades que nos situamos á vangarda tecnolóxica –defende o investigador do CTAG– debemos sumarnos de forma activa a estas iniciativas”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS