A innovación galega fai equipo para ofrecer solucións fronte á pandemia
Por se quedaba algunha dúbida da súa importancia para a sociedade, o coronavirus evidenciou, entre outras moitas leccións, que a I+D+i salva vidas. Galicia teceu unha ampla rede de innovadores nos últimos anos que agora reaccionou en tempo récord para poñer o seu coñecemento a disposición da loita contra a pandemia. Buscan unha vacina, tratamentos, novas medidas de protección e mesmo a mellor forma de que a economía se adapte á nova normalidade.
A traballadora da empresa alemá Webasto
achacou a dor de costas e peito ao jetlag. O domingo 19 de xaneiro aterrou en Múnic procedente de Shanghai cunha longa semana de formación por diante na sede central da compañía de compoñentes do motor. Antes de voar, a muller recibira a visita dos seus pais, residentes en Wuhan. Foi, segundo a reconstrución publicada en The Lancet e The New England Journal, a paciente 0 do SARS-CoV-2 en Europa.
O paciente 1 sentou ao seu lado nunha pequena habitación de 12 metros cadrados. El transmitiu o coronavirus ao compartir o teclado dun computador co paciente 3, que, á súa vez, contaxiou ao identificado como paciente 12, que viaxou á Gomera e deu o primeiro positivo coñecido en España.
“Ao longo das dúas últimas semanas, o número de casos da covid-19 fóra da China multiplicouse por 13 e o de países afectados triplicouse”, alertou o director xeral da OMS
durante a comparecencia do 11 de marzo na que se declarou oficialmente a pandemia. O organismo instou a aproveitar todo o potencial da ciencia. “Hai preguntas que necesitan resposta –dixo Tedros Adhanom– e ferramentas que han de desenvolverse coa maior celeridade posible”.
Chamada ás capacidades
A busca desas respostas para dobregar a curva de contaxios foi unha das primeiras decisións da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación cando empezou a crise sanitaria en España. A través da Axencia Galega de Innovación (Gain) fixo un chamamento a todos os que constrúen a Galicia do futuro para focalizarse en solucións para esta encrucillada do presente.
Detección do virus, desinfección, equipos de protección, tratamentos e dispositivos hospitalarios… A convocatoria non deixou fóra ningunha das frontes abertas na batalla contra a pandemia e só se puxeron dúas condicións: que fosen proxectos novos e que puidesen implementarse en pouco tempo. A reacción do ecosistema galego de I+D+i non se fixo esperar. Presentáronse 160 iniciativas. O Consello da Xunta aprobou unha partida de 750.000 euros para as oito mellor puntuadas por expertos, segundo a súa viabilidade técnica e as posibilidades de comercialización.
Entre os proxectos seleccionados está a elaboración dun mapa de risco da covid-19 para axudar aos xestores sanitarios e aos sectores económicos máis afectados na súa obsesión por entender como se propaga. O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) analiza o comportamento espacial do coronavirus, identificando os principais focos de contaxio e os posibles factores territoriais. A información é poder diante dun inimigo aínda moi descoñecido.
Por iso tamén é tan fundamental a detección precoz dos enfermos. As melloras nas probas desde a aparición do virus son palpables, pero nas PCR aínda queda pendente acurtar o tempo de espera dos resultados. A biotecnolóxica AMSlab desenvolve un kit de diagnóstico acelerado sen necesidade da intervención dun laboratorio e cunha fiabilidade do 95% que permitiría facer cribados máis rápidos e atallar brotes antes de que a infección se estenda en instalacións críticas como os centros de maiores e os hospitais.
Tras as dificultades para conseguir equipos na primeira onda da pandemia, varias das iniciativas apoiadas por Gain traballan en novo material para as UCI. Tecdesoft, con máis de 25 anos de experiencia na automatización de procesos industriais, ten entre mans un respirador autónomo e reutilizable. Outro dos proxectos nesta liña é o da nova firma de deseño de electrónica Fentotek, que desenvolve un ventilador mecánico automatizado con sensores para a supervisión do paciente e fabricado con materiais sinxelos de conseguir para esquivar un posible desabastecemento.
Unha aceleradora contra a pandemia
Para que o a miúdo complicado salto ao mercado non deixe a batalla contra o coronavirus sen unha boa idea, Gain e a Tecnópole decidiron espremer a súa experiencia conxunta no apoio ao crecemento sustentable de pemes coas tres edicións de Agrobiotech para poñer en marcha unha aceleradora específica de proxectos orientados a reducir o impacto social e económico da pandemia.
A Connect-19 ofrece aos emprendedores a oportunidade de cumprir sen dilacións os seus obxectivos en beneficio da sociedade. Inclúe axuda para conseguir as certificacións sanitarias, a internacionalización e mesmo atopar investidores. O enfoque é eminentemente práctico durante catro meses de titorización personalizada con expertos en crecemento empresarial.
Nese camiño avanzan agora 20 proxectos dos sectores da saúde, a industria, as TIC e a biotecnoloxía. Dous deles, por exemplo, céntranse na protección facial. Demsu inventou unha nova pantalla que cobre toda a cara e Gerifarma unha máscara ecolóxica de fibra vexetal para nenos. Outros dous fíxanse en substancias antivirais para converter a cosmética nun escudo fronte ao virus (Glecex) e fabricar colchóns anti-covid (Elaxtic).
Ante o auxe do teletraballo e a percepción xeneralizada de que chegou para quedar, Kendra constrúe unha contorna virtual nova e segura apta tamén para celebrar feiras e outros eventos virtuais. E como evitar o contacto en pantallas de información e máquinas de vending? O dispositivo de Sparks, Circuits and Robotics detecta xestos e controla interfaces sen necesidade de tocar. Chegou á Connect-19 tras recibir a máxima puntuación no primeiro hackathon virtual de Galicia.
Chuvia de ideas
Ademais das novas prioridades nos proxectos, os investigadores tiveron que reinventar a súa forma de traballar. Non son unha excepción nos profundos cambios aos que se tiveron que enfrontar todos os colectivos profesionais. A pandemia pillou en plena efervescencia os hackathóns, unha dinámica de innovación intensiva que reúne a especialistas de diferentes disciplinas durante horas ou poucos días para lanzar unha chuvia de ideas ante problemas específicos coma os moitos derivados do coronavirus.
Gain deulle unha volta ao formato impulsando #HACKatHOME, con todas as vantaxes deste tipo de innovación, pero en remoto para salvar as limitacións á concentración de persoas. Celebrouse entre o 27 e o 30 de xuño, aberto a programadores, investigadores, deseñadores, estudantes e a calquera outro perfil vinculado á tecnoloxía para acompañar á industria, ao comercio e ao emprego na súa adaptación á nova normalidade.
Sobre a mesa había cinco retos: solucións de “baixo contacto”, fórmulas de mellora da venda ao público para facela máis segura, opcións de traballo en remoto, unha industria máis local e alternativas para coordinar equipos nas empresas cumprindo a separación física.
Xunto co dispositivo de Sparks, Circuits and Robotics para cartelería dixital supervisado por Quobis, as outras ideas premiadas con 1.000 euros e o asesoramento para madurar os proxectos durante seis meses foron o prototipo de supermercado virtual interactivo de Virtual Market, mentorizado por varios responsables da empresa Kelea; e o grupo FEDI, apoiado polo Cesga, que sacou adiante unha aplicación para organizar feiras virtuais en 3D con múltiples opcións de personalización.
Segunda oportunidade
Hai só unhas semanas, o 24 de setembro, finalizaba o prazo de solicitude para unha liña de axudas coa que Gain quere dar unha segunda oportunidade ás iniciativas presentadas á convocatoria do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) para o desenvolvemento de vacinas e fármacos eficaces contra o coronavirus. Concorreron máis de 1.400. Sete galegos foron seleccionados e outros 20 das tres universidades e as fundacións de investigación sanitaria da comunidade recibiron unha avaliación favorable, pero quedaron sen dotación pola puntuación.
A eles diríxese a convocatoria de axudas a fondo perdido cun orzamento de tres millóns de euros. Hai, segundo adiantou o vicepresidente económico, Francisco Conde, proxectos para un tratamento e unha vacina, para o diagnóstico precoz e para o estudo da influencia da xenética na enfermidade, entre outros. “Galicia –asegurou– está á vangarda na investigación do virus”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS