A sustentabilidade empeza polo corazón das empresas
O edificio de oficinas máis sostible e eficiente de España está en Galicia. É a nova sede corporativa de Norvento, unha das principais empresas enerxéticas do país e un exemplo agora de que é posible vivir cun sistema desconectado da rede eléctrica e 100% renovable. A pioneira construción é o resultado de case catro décadas de innovación no sector.
Era moi fácil recoñecer a vivenda de Charles Francis Brush en Euclid, nos arredores da cidade de Cleveland (Ohio). “Magnífica”, describía a revista Scientific American
nun artigo publicado o 20 de decembro de 1890 para explicar a transcendencia da enorme torre de 18 metros de altura situada a poucos metros da casa do enxeñeiro. Nela apoiábase a primeira turbina eólica da historia. Tiña un diámetro de 17 metros e 144 pas de madeira de cedro. Todo estaba creado por Brush, considerado un dos fundadores da industria eléctrica norteamericana.
O primitivo aeroxerador funcionou durante 20 anos enlazado ao soto da mansión para alimentar unha ducia de baterías que daban subministración eléctrica a 350 luces. Non necesitaba demasiado mantemento. “Éxito completo”, eloxiaban os expertos da revista.
Máis dun século despois, é imposible non quedar mirando e ter a mesma sensación ao pasar polo Centro de Innovación Norvento Enerxía (CIne). Está desconectado da rede eléctrica e cobre o 100% do consumo con fontes renovables. A sede da empresa galega no Polígono das Gándaras, en Lugo, usa enerxía fotovoltaica, biomasa, xeotermia e tamén un aeroxerador colocado ás portas da instalación, xunto cunha rede de baterías, que o converten nun dos edificios máis avanzados no aproveitamento de enerxías limpas e un dos máis sostibles do mundo. “O autoconsumo é posible, sabémolo todos, pero isto vai moito máis alá do que adoita entenderse por el –explica Manuel Pinilla, director comercial de Norvento–. É unha mensaxe cara fóra de que é posible ir moi lonxe coa tecnoloxía existente e que nós temos acceso e control sobre ela”.
Promotora e tecnóloga
O actual presidente, Pablo Fernández Castro, fundou a compañía en 1981, dedicada inicialmente a labores de enxeñería e consultoría enerxética. A finais desa década fíxose cargo dos seus propios proxectos de renovables, primeiro con centrais hidráulicas e logo de biomasa, solar, xeotérmica e eólica, o segmento de negocio que catapultou o recoñecemento de Norvento no mercado exterior.
“Gústanos dar pasos de forma natural, cando estamos preparados”, explica Pinilla sobre o ambicioso plan de expansión iniciado en 2008 por Reino Unido, Italia, Polonia, Chile, Brasil e EEUU. Non só como promotora de instalacións, xa que Norvento é tecnóloga. Desenvolve, fabrica e vende sistemas de xeración renovable, como o aeroxerador nED100, que tivo unha gran resposta comercial para o autoabastecemento eléctrico de pequenas industrias e explotacións agrarias nos países nos que está presente e serve de escaparate da súa aposta pola innovación nas enerxías limpas á entrada do corazón corporativo do grupo, inaugurado o pasado 19 de marzo.
Diversificación da xeración
Cunha superficie de 4.000 metros cadrados, parte para oficinas e outra parte destinada a procesos industriais, nada na construción do CIne quedou á improvisación. A decisión de levantar un edificio pioneiro en eficiencia e consumo enerxético foi froito, segundo o director comercial, da madurez da empresa. “O proxecto en si durou seis anos –indica Manuel Pinilla–, pero o sistema enerxético engloba o coñecemento e as capacidades acumuladas de moitos máis, aplicamos todo o aprendido durante varias décadas”.
Evidentemente, Norvento non foi un cliente convencional para o arquitecto. A diferenza do que é habitual cando un particular encarga o deseño dun edificio, a empresa non só marcou os seus gustos, senón que tamén se encargou dos traballos de enxeñería enerxética. “Aprendemos que nos complementabamos perfectamente con Francisco Mangado e o seu equipo e que podemos dar a outros arquitectos cousas similares nos seus proxectos”, afirma Pinilla.
As instalacións son coma un sistema enerxético ao completo, pero a escala doméstica. A estrutura da produción está moi diversificada para compensar unhas fontes con outras porque nin sempre hai moito vento nin o sol é abundante todo o ano. Definir o chamado mix de xeración supuxo un dos puntos críticos do proxecto para asegurar unha subministración de enerxía fiable e barata. “Iso require análise, modelos e simulacións moi complexas”, destaca o directivo da compañía.
Cal foi o resultado? De media, a fotovoltaica achega o 60% da electricidade, un 35% a eólica e o 5% procede do aceite vexetal.
Por dentro e por fóra
As placas solares están colocadas na cuberta do aparcadoiro, onde hai cinco puntos de recarga eléctrica para coches, ampliables a 23 máis no futuro. O aeroxerador nED100 pode producir ata 400 megawatts (MW) anuais despois de optimizar a súa capacidade para seguir operando en momentos de vento moi forte. O sistema de chan radiante para a climatización abastécese de dúas bombas de xeotermia, apoiadas por unha unidade de coxeneración que funciona só cando non hai suficiente vento ou sol.
Tanto a microrrede térmica coma a eléctrica dispoñen dun sistema de acumuladores e de baterías para almacenar a enerxía e equilibrar a xeración e a demanda. “Facemos seguimento de todo o que ocorre en tempo real cos mesmos parámetros que nun centro de control dunha gran rede”, di Pinilla, o que obriga a facer previsións do comportamento das enerxías e estimar o consumo interno grazas á intelixencia artificial, do mesmo xeito que se fai no sistema eléctrico español.
Conseguir a plena autonomía enerxética sería imposible se as instalacións non combinasen as tecnoloxías renovables con medidas de eficiencia enerxética, entre as que destaca a orientación do edificio e as grandes fiestras para aproveitar ao máximo a luz natural, ou a reutilización das augas pluviais. O CIne evita a emisión á atmosfera de 160 toneladas de gases de efecto invernadoiro ao ano.
A maior puntuación
Non hai ningún outro edificio de oficinas en España e son poucos no resto do mundo cunha puntuación máis alta na medición de sustentabilidade da firma de certificación BREAAM. Por razóns coma esa, a sede de Norvento foi seleccionada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), o CIS-Madeira e o CIS-Galicia, como caso de éxito para o Design for Innovation, un proxecto financiado pola UE no que Galicia participa xunto con outros sete socios europeos coa finalidade de mellorar a competitividade das pemes a través dun uso máis estratéxico do deseño. “Foi unha satisfacción polo recoñecemento ao esforzo por integrar deseño e innovación e enriqueceunos grazas aos eventos nos que participamos no marco do programa”, asegura Manuel Pinilla.
En Norvento cren que a sociedade está cada vez máis concienciada de que se pode ser sustentable desde os fogares e os complexos industriais coma o seu. Para iso lanzaron a súa liña de negocio Edificios Enerxía Cero. “O CIne é un edificio extrapolable a outras empresas, aínda que non necesariamente acudindo a un modelo de plena desconexión –explica o director comercial–. O futuro próximo traeranos novas necesidades, algunhas ambientais, outras de uso asociadas, por exemplo, ao vehículo eléctrico”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Vídeo relacionado
Subscríbete vía RSS