A auga que volve á billa tan limpa como a primeira vez
Sen auga non existe vida nin desenvolvemento económico. O futuro dun territorio depende da capacidade para afrontar a crecente demanda e, á vez, devolver o recurso á natureza en condicións óptimas para a súa reutilización. O centro tecnolóxico Cetaqua Galicia e a empresa Viaqua crearon tres tecnoloxías innovadoras de tratamento e lánzanse agora a converter depuradoras en “biofactorías” onde incluso se poidan aproveitar os lodos.
O doutor John Snow foi casa por casa para investigar por que moitos dos seus pacientes do barrio londiniense do Soho morrían tan rápido, vítimas do cólera. En menos dunha semana perderon a vida máis de 700. A cidade sufriu en 1857 un brote cunha virulencia inédita. A hipótese oficial entón era que o cólera se transmitía polo aire e polo contacto directo cos enfermos, pero ao médico, un pioneiro da epidemioloxía, había cousas que non lle encaixaban.
Cos datos recompilados nas visitas e no rexistro do hospital de Middlesex, Snow elaborou un mapa do cólera a partir dun rueiro de Londres no que sinalou o lugar de residencia dos falecidos. A maioría concentrábase nos arredores de Broad Street, moi preto dunha bomba de auga. Os fogares e as fábricas con pozos privados parecían inmunes e había enfermos doutras áreas da cidade máis afastadas, pero que adoitaban beber alí. As indagacións demostraron que ese punto de abastecemento estaba contaminado por unha filtración de restos fecais do cueiro dun bebé infectado. Era o foco da enfermidade.
A réplica da bomba de auga colocada na zona en honor de John Snow lembra o seu enorme legado á medicina e a importancia do saneamento da auga para a saúde pública. Abrir a billa é un xesto cotián no que non adoitamos preocuparnos pola gran cantidade de procesos, infraestruturas e traballadores que hai alén dos canos. “Valoramos dispoñer de conexión a internet no smartphone as 24 horas, pero neste servizo tan fundamental só reparamos cando existen problemas”, destaca Alberto Sánchez Sánchez, xerente da Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga – Cetaqua Galicia e responsable da Unidade Mixta de Investigación (UMI) que o centro tecnolóxico participado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), o CSIC e o grupo Suez creou coa empresa Viaqua para asegurar a sustentabilidade e a eficiencia no ciclo da auga a través da innovación.
Aposta pola reutilización
Nin Galicia é unha excepción. Tamén no país dos mil ríos a auga é un recurso que se debe empregar con responsabilidade. “A crecente presión demográfica provocará inexorablemente un incremento das necesidades de auga, non só para o seu uso doméstico, senón especialmente para usos industriais se queremos manter os actuais niveis de desenvolvemento económico”, explica Sánchez.
Para asegurar a sustentabilidade hídrica, a depuración non será suficiente a medio e longo prazo. Cada día recóllense en Galicia 982 millóns de litros de augas residuais, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). Canta se reutiliza? 78 millóns de litros. “Vai ser totalmente indispensable a súa reutilización mesmo para o consumo humano –engade o xerente de Cetaqua Galicia–. Aínda que poida chamar a atención falar de reutilización en Galicia, é unha realidade”.
A potenciación dos sistemas de saneamento e as esixencias da Directiva Marco de Auga da UE permitiron que o 76% das masas de auga galegas estea nun estado ecolóxico óptimo. Quedan aínda retos relevantes coas augas residuais industriais e, sobre todo, cos microcontaminantes emerxentes químicos e farmacéuticos, cada vez máis detectables polas novas técnicas analíticas a pesar da súa baixa concentración. “A nosa proposta é tratar este tipo de contaminantes de maneira descentralizada na orixe, principalmente en industrias e hospitais”, apunta o coordinador da UMI, que cambia o paradigma tradicional da depuración da auga por unha estratexia integral do servizo para valorizar os residuos e evitar un problema de competitividade ás empresas abaratando o investimento.
Máis eficiencia e menor custo
O corazón da UMI é o Centro de Innovación Galego de Sistemas Avanzados de Tratamento de Auga (CIGAT), do que saíron xa tres innovadores sistemas aplicados a diferentes sectores. A primeira das tecnoloxías elimina máis do 90% dos microcontaminantes emerxentes en augas residuais hospitalarias e industriais. Está patentada pola USC, transferida completamente a Suez e en explotación comercial tras a venda a unha gran multinacional farmacéutica.
Pensando especialmente no sector agroalimentario, a segunda é unha tecnoloxía probada en augas residuais da industria láctea, de conserveiras e en xurros de granxas de porcos. Liquida máis do 80% da materia orgánica e do 70% do nitróxeno mediante unha técnica moi habitual nas depuradoras (o uso de lodos activos), pero máis concentrada e eficiente para reducir o tamaño das instalacións e o gasto de enerxía e, por tanto, o custo.
A terceira, tamén patentada xa, está dirixida a unha ampla variedade de sectores industriais. Ademais dos grandes niveis de redución de materia orgánica, de nitróxeno e de lodos, ten as vantaxes de producir biogás apto para o consumo e deixar unha auga de elevada calidade para a súa reutilización.
Do local ao internacional
O CIGAT é unha das 39 alianzas entre empresas e centros de coñecemento apoiadas ata agora pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para impulsar colaboracións estratéxicas en áreas de innovación aliñadas coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). “A fórmula das Unidades Mixtas de Investigación achega moitísima axilidade no desenvolvemento de proxectos e na explotación dos resultados”, valora Alberto Sánchez. “Permite afianzar e atraer financiamento privado para levar adiante liñas de investigación –continúa– con resultados internacionalizables partindo de necesidades locais”.
Os bos resultados fixeron que a UMI se consolidara para seguir sumando novas solucións tecnolóxicas no tratamento de augas do século XXI e fomentar a economía circular. A estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ourense será o epicentro desta nova fase coa súa conversión nunha “biofactoría” de referencia no norte de España no marco do proceso de renovación das instalacións xestionadas polo grupo Suez en todo o mundo.
“Nesta moderna planta desenvolveremos unha tecnoloxía que transformará os lodos de depuración en compostos baseados no carbono, útiles como materia prima alternativa aos derivados do petróleo para elaborar multitude de produtos da industria química”, avanza Sánchez.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS