Un novo pulmón de aceiro para agarrarse á vida
A unión fixo a forza nun gran consorcio de empresas encabezado pola start-up Bionix que, en plena crise do coronavirus, reorientou o seu talento innovador en busca de osíxeno. O Freesterra-1 é o primeiro respirador deseñado e fabricado integramente en Galicia. Dotado con tecnoloxía de última xeración, custa a metade que a media do mercado. Só falta o ensaio en humanos e xa hai hospitais de varios países interesados en compralo.
A Viri Ebert, de 12 anos, quedáballe un fío de vida, vítima da epidemia de poliomielite en Dinamarca no verán de 1952. Cada día ingresaba medio cento de persoas con insuficiencia respiratoria por complicacións da enfermidade no hospital Blegda de Copenhague. A súa única esperanza era unha armadura chamada “pulmón de aceiro” con peche hermético ao redor do tórax que forzaba o movemento dos músculos do peito. Pero non era suficiente. O dispositivo deixaba desprotexidas as vías respiratorias e os enfermos corrían o risco de afogarse.
Obsesionado con salvar a pequena, o anestesista Aage Ibsen ideou un sistema para introducir o aire directamente nos pulmóns a través dunha traqueotomía. A ventilación tiña que facerse de forma manual e o médico recrutou a 600 enfermeiras e 250 estudantes de Medicina en quendas de 6 horas ininterrompidas durante semanas. A taxa de mortalidade baixou do 87% a pouco máis do 30%. E Viri Ebert, si, logrou sobrevivir.
A pandemia da covid-19 deixa moitas semellanzas co golpe da poliomielite hai 60 anos en Dinamarca, punto de partida dos coidados intensivos tal e coma os coñecemos na actualidade. A necesidade de medios para atender os pacientes con coronavirus centrou a reunión diaria dos directivos de Bionix o pasado 18 de marzo. “Coa nosa experiencia en desenvolvemento de hardware, software e electrónica e en industrialización –explica Jacobo Penide, fundador e conselleiro delegado da start-up tecnolóxica coruñesa–, plantexámonos se era posible deseñar e fabricar un equipo de ventilación de baixo custo”.
Desa idea naceu un gran consorcio de empresas que deu forma ao Freesterra-1, á espera só dos últimos trámites coa Axencia Española do Medicamento para o protocolo de ensaio con persoas. O proxecto é un dos seleccionados na Chamada covid da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), a empresas e centros de coñecemento en busca de solucións innovadoras que poidan contribuír á loita contra o coronavirus.
Grupo multidisciplinar
A iniciativa de Bionix tardou pouco en atopar aliados. Bastou unha comunicación ao Clúster TIC Galicia para abrir unha cadea solidaria de I+D á que se foron sumando Cinfo, Electrónica&Comunicaciones, i3D Atlántico, Dimalnox, Blanco Mayer e Grupo Caamaño, xunto con nomes de peso do motor como PSA, Ceaga e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Cada un puxo o que mellor sabía facer. “O bo é que aglutinamos un grupo de empresas tanto de tecnoloxía coma do sector metalmecánico, industrial e impresión 3D, capaces de fabricar o equipo”, destaca Penide.
Sen mirar o reloxo, o consorcio foi retocando o deseño e o primeiro prototipo quedou listo en 24 horas da man da Fundación Profesor Novoa Santos. “Anestesistas e neumólogos implicáronse para os requisitos médicos, unha das partes máis imprescindibles”, conta o máximo responsable de Bionix.
Momento de limitacións
Detrás dun respirador artificial hai un equilibrio perfecto entre electrónica e mecánica para garantir que a parte hidráulica (encargada de levar o osíxeno) funciona en todo momento e o paciente aspira ben, incluso se hai perturbacións eléctricas externas e, á vez, sen interferir noutros equipos da UCI. “Falamos de soporte vital, a fiabilidade ten que ser absoluta”, remarca Jacobo Penide.
A garantía da automoción
Desde o primeiro momento as empresas procuraron simplificar a arquitectura do respirador. Dotalo do mínimo imprescindible para esquivar as limitacións de materiais e transporte. “Empezar de cero ao final xogou ao noso favor porque quedamos co esencial para cumprir os requisitos de ventilación de pacientes”, describe Penide. O consorcio optou por procesadores de última xeración de custo moi baixo e por unha estrutura minimalista. “Non se pode –resume– facer con menos”.
A industria do motor de Galicia encaixou a peza definitiva coa adaptación das válvulas dos coches ao respirador para a inxección do aire aos enfermos. Puideron manexar varias alternativas grazas á colaboración das empresas Lupeon, Nort3D e Inmake, participantes na Business Factory Auto. “Os compoñentes da automoción galega están afeitos a durabilidades de moitos anos e ciclos de proba longuísimos, é unha vantaxe enorme”, encomia Penide.
A escala industrial
En 25 días, o Freesterra-1 saltou do papel ás probas na UCI con simulador e animais. Custa a metade que un respirador convencional. “Míroo e paréceme imposible”, admite o conselleiro delegado de Bionix. O liderado do consorcio consolida a empresa como unha das firmes promesas da industria da tecnoloxía disruptiva en Galicia con apenas tres anos de vida.
Ademais das conversacións para definir o protocolo de ensaio humano do respirador, a start-up especializada en servizos de trazabilidade e almacenaxe por radiofrecuencia (RFID) solicitou á Axencia Española do Medicamento a súa homologación como fabricante de produtos sanitarios. Recibiron xa peticións de Colombia, México, Emiratos Árabes e Guinea Bisau. “Isto demostra que en Galicia é posible crear tecnoloxía e fabricala –asegura Penide–. Houbo altruísmo e colaboración por encima de todo. Se cooperamos, podemos facer cousas moi grandes”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS