Chegou a hora das mascotas na loita contra o cambio climático
A biomasa é un dos piares da transición enerxética a un novo modelo de consumo afastado dos combustibles fósiles. Cada vez é máis popular o seu uso na calefacción de fogares e industrias con pellets. A empresa galega Biomasa Forestal é a principal fabricante de España deste produto, que acaba de converter tamén nunha cama biodegradable para animais.
A máquina de vapor e as populares potas exprés que tanto se usan na cociña teñen o mesmo pai. Denis Papin, físico francés, deseñou en 1681 a súa “Marmita”: unha máquina capaz de almacenar auga, quentala cunha pequena caldeira de biomasa, xerar vapor e, ademais, regular a presión cunha válvula. Prometía tanto para acelerar a navegación que un grupo de remeiros, temerosos de perder o traballo, tentou afundir a barca na que Papin probaba o invento en Marsella.
A biomasa como enerxía renovable sempre estivo aí, desde o descubrimento do lume. Antes de mover máquinas de vapor foi o combustible máis utilizado para cociñar, quentar casas, facer cerámica e mesmo producir metais. O carbón e o petróleo acabaron por deixala nun uso residual cando chegaron a Revolución Industrial e as súas necesidades de enerxías máis potentes. Pero, como xa ocorrera na Gran Depresión, durante a primeira gran crise do petróleo da historia despois da Guerra de Yom Kipur en 1973 non quedou outro remedio que buscar alternativas máis baratas de calefacción e volver ao básico, á biomasa. Así naceron as estufas de pellets. Os anos 80 foron a súa época dourada… ata que a súa popularidade caeu á mesma velocidade á que baixaban os prezos do petróleo.
Hoxe a biomasa volve ser protagonista na transición cara a un modelo enerxético máis sustentable e cunha dependencia progresivamente menor dos combustibles fósiles. España ocupa o sexto lugar na UE en produción de enerxía a partir da biomasa e a empresa galega Biomasa Forestal lidera no país a produción de pellet doméstico. “Pechamos 2017 con 65.000 toneladas e despois da incorporación dun segundo secadoiro a nosa capacidade é de 75.000”, explica Luz Pardo, conselleira delegada do Grupo Gestán, ao que pertence a compañía, inmersa agora nun innovador proxecto que reinventa estes cilindros de serrín prensado como camas para animais.
A 80 quilómetros
Biomasa Forestal iniciou a produción de pellet doméstico tras a súa incorporación en 2013 a Gestán. O 90% da materia prima, sobre todo piñeiro, vén directamente de montes e un 10% de serradoiros, todos situados a unha distancia media de 80 quilómetros ata a fábrica. “Galicia é a comunidade con maior potencial de biomasa e a empresa fomenta o seu aproveitamento sustentable e a creación de emprego aquí, ao tempo que dinamiza a contorna rural”, afirma o seu presidente, Luis Pardo.
A certificación desa sustentabilidade e da calidade do produto foi desde o principio un dos obxectivos prioritarios da compañía con sede nas Pontes (A Coruña). Actualmente é o fabricante español que máis certificacións ten e o único co selo Galicia Calidade, no marco da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para consolidar en Galicia unha industria local forte a redor dos pellets.
O selo, segundo a conselleira delegada de Gestán, “contribúe a poñer en valor os produtos galegos e a que noutras rexións se asocie a biomasa e o pellet de calidade coa nosa comunidade”. No caso de Biomasa Forestal, a exportación alcanza o 60% do negocio.
Emisións neutras
Toda a cadea, desde a fabricación ao traslado da produción, está en continua avaliación para minimizar as emisións de dióxido de carbono. “O feito de que a materia prima proceda da contorna e que o produto se consuma no mercado local reduce as distancias de transporte e, por tanto, as emisións”, conta María Vázquez, xefa de Planta de Biomasa Forestal. Por esa razón, a pesar dos gases da combustión durante a queima nas estufas, o impacto dos pellets na atmosfera é case neutro.
“Mesmo co transporte a distancias importantes pódense cumprir os requisitos de sustentabilidade por un aforro superior en emisións en comparación cos combustibles fósiles”, engade Luz Pardo. Unha vantaxe “clave”, di, no novo modelo enerxético, para o que demanda “unha maior ambición en enerxías renovables enfocada ás tecnoloxías máis limpas e eficientes”.
A evolución do produto
De dar calor aos fogares, Biomasa Forestal saltou a arroupar as mascotas. O pasado novembro sacou ao mercado Pets Bioforestal, un leito ecolóxico e biodegradable para gatos e roedores elaborado con pellets. “Ten un maior poder de absorción que outros produtos polo seu baixísimo contido en humidade e, por tanto, dura máis e é máis económico”, sinala María Vázquez. Neutraliza os cheiros, non se adhire á pel ou ás patas e evita alerxias porque non contén po.
“Seguimos traballando na distribución do produto a granel e para ofrecelo tamén para cabalos e pitos –conta Luz Pardo–. Estamos a realizar traballos de investigación para mellorar as prestacións do produto”.
O lanzamento realizouse co respaldo de Agrobiotech, o programa de aceleración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e en cooperación coa Tecnópole, para apoiar o crecemento sustentable de pequenas e medianas empresas innovadoras nos sectores da biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa. “As xornadas de consultoría personalizadas permitíronnos analizar e detectar as necesidades coas que crear un itinerario e lanzar un novo produto nun tempo récord –destaca a xefa de Planta de Biomasa Forestal–. Ademais, a formación e os encontros con outros axentes do sector innovador abriron novas vías de traballo para seguir innovando”.
E iso é todo un logro nunha industria primaria, relativamente recente e pouco desenvolvida en tecnoloxía. “En xeral innovar ten un custo elevado e a miúdo é difícil atopar o equilibrio para que os beneficios do traballo de innovación superen o custo de execución”, asegura o presidente de Biomasa Forestal, que aposta “por aproveitar os recursos internos dispoñibles e as innovacións sinxelas que transforman totalmente a industria”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS