A dor crónica ten os días contados
A dor crónica non foi considerada unha enfermidade en si mesma ata mediados do século XX. Por iso os avances nos tratamentos veñen con retraso e os medicamentos son antigos e pouco efectivos. O grupo de investigación Biofarma e a farmacéutica Esteve lideran a primeira colaboración público-privada de innovación aberta neste campo en España para lanzar ao mercado unha nova xeración de analxésicos polos que espera ansioso o 20% da poboación.
En 1832, o doutor británico John Elliotson recibiu a visita dunha muller que pedía con insistencia a amputación do dedo índice da man esquerda. Levaba anos sufrindo unha dor insoportable, moi profunda, concentrada ao principio nesa zona, coma se unha coitela lle atravesase a carne. Despois extendeuse polas pernas, os brazos e o lado dereito da cara. Elliotson probou todo tipo de tratamentos ata chegar a doses elevadas de morfina, sen lograr ningún resultado. “Non hai nada de nada, excepto esa dor agonizante”, describe na publicación do caso.
O seu documento, un dos primeiros diagnósticos da dor crónica, serve de exemplo en moitos dos manuais desta especialidade da medicina, moi recente. A existencia dun malestar sen causa nin remedio aparentes foi considerada historicamente unha excepción, unha anormalidade na regra xeral que definía a dor coma un síntoma que axuda a curar.
Aínda que pareza estraño, a equiparación da dor crónica ao resto de enfermidades non chegou ata ben entrado o século XX. Iso explica en parte a “aínda moi reducida innovación neste campo”, sinala Mabel Loza, directora do grupo Biofarma da Universidade de Santiago e coordinadora da Unidade Mixta de Investigación (UMI) formada coa farmacéutica Esteve para gañar a guerra á dor crónica “cunha nova xeración de analxésicos de amplo espectro”.
A alta taxa de prevalencia
Entre o 17 e o 20% da poboación sofre dor crónica e anualmente diagnostícaselle a un de cada dez adultos. É a primeira causa de baixa laboral “e un dos principais problemas de saúde pública hoxe en día que debemos abordar de maneira urxente e eficiente”, apunta Loza. “Hai anos que se están utilizando os mesmos fármacos –continúa a catedrática de Farmacoloxía–, con numerosas limitacións en eficiencia, efectividade e seguridade”.
Quen non padece dores de cabeza máis ou menos frecuentes? E de costas, musculares, relacionadas ás veces con cirurxías e lesións, con problemas medulares ou con enfermidades coma a artrite?
Aí está o gran desafío desta investigación. O apuro de novos medicamentos para pacientes moitas veces desesperados choca coa variedade de cadros clínicos: a dor ten orixes distintas e require tamén diferentes tratamentos.
A necesidade de estrear canto antes os novos fármacos converte ao tempo nun protagonista máis da búsqueda da fórmula contra a dor.
“Laboratorio ao lado”
Para acelerar o paso no descubrimento dos fármacos e o seu lanzamento ao mercado, Biofarma e Esteve decidiron dar “un salto cualitativo” na colaboración que mantiñan desde 2004. Ir máis aló da prestación de servizos desde a universidade á empresa, ata agora financiados pola industria. A súa UMI é unha das 30 coas que a Axencia Galega de Innovación (Gain) impulsa a alianza estratéxica entre empresas e centros de coñecemento en áreas de innovación aliñadas coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3 Galicia) e a primeira iniciativa de innovación aberta neste campo de estudo en España.
“A fórmula permítenos optimizar o coñecemento das dúas partes e os procesos de I+D para desenvolver con eficacia novos estudos –asegura Loza– e facelo de xeito perfectamente sincronizado con investigadores que constitúen un equipo único movéndose entre a empresa e a unidade mixta”. É o modelo do “laboratorio ao lado”, onde Biofarma e Esteve traballan conxuntamente co apoio das novas tecnoloxías e poden tomar as decisións sobre aspectos clave en tempo real.
Unión da excelencia científica
A unidade mixta suma a excelencia científica de dous referentes do sector farmacéutico. Biofarma acumula unha longa traxectoria en transferencia de coñecemento e innovación no descubrimento temperán de fármacos e en investigacións de novos ensaios in vitro. Esteve, unha das compañías líderes en España en tratamentos contra a dor, pon o foco na aplicación terapéutica, o deseño e a síntese de compostos e as probas in vivo.
A pesar da experiencia, Loza destaca “a loita no día a día da investigación contra o exceso de burocracia para reducir tempos e dispoñer dos recursos humanos, técnicos e económicos necesarios”.
“A participación dun axente institucional clave como a Xunta de Galicia proporciónanos, ademais da incorporación á Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía, estabilidade para crear 11 postos de traballo ligados á economía do coñecemento”, di Mabel Loza. “En definitiva –engade–, estar en primeira liña tecnolóxica e científica e liderar desde Galicia a investigación aplicada a este campo”.
Centos de miles de compostos
Millóns de persoas que, como aquela paciente do doutor Elliotson, urxen unha mellor calidade de vida están xa máis preto de ter unha resposta.
Coas novas metodoloxías desenvolvidas, a UMI de Biofarma e Esteve analizou centos de miles de compostos nun gran panel de dianas implicadas na dor crónica. Entre os fitos da investigación están os descubrimentos do estudo molecular realizado con Galchimia (líder do consorcio Oncogalfarma de investigación galego de fármacos contra o cancro), subcontratada pola unidade mixta; 26 lotes celulares de cinco dianas terapéuticas innovadoras; dous ensaios para a identificación de novos analxésicos; e unha patente en preparación para blindar as novas metodoloxías experimentais in vitro.
O novo grupo de analxésicos made in Galicia avantaxará aos xa existentes pola súa orientación a diferentes tipos de dor e pola combinación de mecanismos de acción para asegurar, segundo os seus investigadores, “maior eficacia clínica e tolerabilidade”.
“O gran impacto económico, social, de saúde e científico, con tecnoloxías predictivas innovadoras e que faciliten o salto da investigación á aplicación clínica, está garantido”, augura Mabel Loza.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS