Así se fabrican os milagres que necesitan as mascotas
Se existen próteses para os humanos, por que non axudar aos animais cando perden unha extremidade ou nacen sen ela? Os fundadores de Beta Implants déronse conta de que aí había un nicho de mercado. Botou a andar hai só seis anos e hoxe a empresa galega é xa a líder española de implantes a medida para servizos veterinarios coa súa aposta pola I+D e a fabricación propia.
Cando os voluntarios de Fogar Felino “Todo por eles” da localidade valenciana de Albal chegaron unha tarde do verán de 2017 ao escampado onde uns veciños descubriran unha camada de gatos abandonados, xa só quedaba Sansa. Non tiña nome naquel momento, nin tampouco moitas esperanzas de vida. Na cabeza da pequena gata de apenas mes e medio sobresaía un gran vulto. Parecía un tumor, pero o diagnóstico dos veterinarios foi moito máis grave. O animal padecía meninxoenfalocele. Cega, sen parte do cranio e cun terzo do cerebro fóra, calquera pequeno golpe podía ser letal.
Sansa fíxose moi famosa. Saíu nos xornais, pola tele e ata tivo o seu propio ninot elaborado por un coñecido artista falleiro, despois dunha exitosa operación pioneira. No hospital Auna Especialidades Veterinarias colocáronlle a primeira prótese de cranio feita a medida no mundo pola empresa galega Beta Implants. “O caso é moi representativo do que vivimos todos os días, con historias incribles de animais loitadores. E a todos atopámoslles unha solución e hoxe fan unha vida totalmente normal”, conta a directora xeral da startup, Bibiana Rodiño.
Artífice de auténticos milagres veterinarios coma o de Sansa, a historia de Beta Implants é tamén digna de estudo. Seis anos leva no mercado e é líder do seu sector en España. Grazas á aposta pola I+D, a empresa situada en Salvaterra do Miño logrou plantarlles cara ás grandes multinacionais. Agora está en plena transformación dixital da man do Innovapeme, o programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destinado a reforzar a competitividade das pemes co apoio aos seus plans de innovación aliñados coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3. “Permítenos crear un modelo de industria intelixente cos medios produtivos conectados e as canles de distribución e atención ao cliente nunha contorna online e dixital”, describe Rodiño.
Desde un garaxe e co “porta a porta”
E todo empezou nun garaxe. “Si, parece tópico, pero partiamos de nada e o apoio dos nosos familiares foi imprescindible”, valora a cofundadora de Beta Implants xunto con Antón Rodríguez, responsable de desenvolvemento de negocio e I+D. Ambos son enxeñeiros e tiñan empregos estables, ela xestionando proxectos de innovación no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e el como project manager nunha multinacional.
O que gañaban e os aforros ían directos á empresa que Rodiño imaxinou despois de licenciarse e descubrir durante a súa colaboración cun equipo de investigación da Universidade de Vigo que os veterinarios non estaban afeitos a solicitar implantes a medida. Ao principio deulles para comprar unha maquinaria antiga, do ano 1989, e actualizala para mellorar a precisión.
“Ao saír de traballar, dedicabámonos a facer chamadas e ir porta por porta ás clínicas –lembra a directora xeral da firma–. Nunha das visitas coñecemos a Andrés Somaza, veterinario especialista en traumatoloxía, que nos recomendou asistir a congresos especializados”. Así se fraguou o despegue definitivo.
Ata a prótese máis difícil
Ademais de cans e gatos, os principais destinatarios, Beta Implants fixo próteses con impresión 3D para monos, coellos, tigres, cabalos, paxaros… A empresa importa os materiais de Alemaña e Francia. Son aceiro e titanio cirúrxicos, os mesmos que se usan en humanos. O seu catálogo inclúe un amplo número de produtos específicos para os casos de traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía máis comúns.
E se non está claro cal é o implante adecuado ou non existe? A startup galega conta cun equipo multidisciplinar para realizar estudos biomecánicos e mesmo planificar a cirurxía a partir da radiografía ou o TAC do animal. “É un plus. Algúns dos veterinarios máis prestixiosos a nivel internacional dispoñen de enxeñeiros na plantilla e nós poñemos esta posibilidade ao alcance de todo o colectivo”, explica Rodiño, ante a progresiva sofisticación do sector, cada vez máis parecido á atención médica das persoas, con veterinarios de cabeceira e especialistas para cada área.
Sen a decisión de prescindir da externalización da elaboración das próteses non se entendería o espectacular crecemento da empresa. Manter a fabricación permite aforrar custos e prazos. Normalmente, en menos de 24 horas desde a entrada do pedido, o cirurxián está operando.
Camiño do exterior
Incluídos os dous socios, o único persoal que había hai só tres anos, en Beta Implants traballan agora 17 persoas. Neste 2019 prevén facturar 600.000 euros e 1,5 millóns en 2021. A medio prazo, o 75% dos ingresos procederá do mercado exterior. A empresa vende actualmente en España, Portugal e Italia e dá os seus primeiros pasos en Reino Unido e Angola.
Na internacionalización e a consolidación do negocio foi clave ViaGalicia, a aceleradora de empresas da Zona Franca de Vigo e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que recoñeceu recentemente a Beta Implants como o proxecto máis innovador e con mellor crecemento das cinco edicións do programa. “Se fixese caso das veces que me dicían que disto non ía vivir, que onde ía sendo tan nova nun mundo tan distinto á enxeñería… Pois Beta Implants non existiría”, afirma, rotunda, Bibiana Rodiño, co seu agradecemento a ViaGalicia pola transcendental axuda para a viabilidade do negocio, a anticipación nos erros e os ánimos para saltar á piscina.
Coma moitos outros emprendedores, o máis difícil para Beta Implants foi romper a barreira que leva ao mercado. Vender. “Dá moito medo ser pequeniño nun mundo de xigantes e enfrontarse defendendo algo novo –engade–. Debes crer firmemente na túa idea e ser un pouco cabezuda”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS