Estes son os produtos de limpeza que lle sacan brillo á innovación
«A alternativa á innovación é quedar atrás e estancarse».
Por moi difícil que pareza, Ausavil non rexeita ningunha nova oportunidade de negocio. O seu espírito emprendedor e a aposta pola I+D continua converteu a empresa da Estrada (Pontevedra) nunha referencia no sector da limpeza e da xardinería. O grupo acaba de lanzar a súa quinta marca para a fabricación de produtos químicos e está a construír unha fábrica automatizada para seguir crecendo.
Cada cliente proba de media unha decena de modelos antes de comprar unhas lentes. Pasan polas mans, polo nariz, polos ollos… Un ritual que se converteu nun pesadelo para as ópticas co comezo da pandemia, cando nin sequera estaban moi claras as vías de transmisión da covid-19. Nin a limpeza exhaustiva con lixivia, nin os raios ultravioleta, que non chegan a todos os recunchos, acababan de convencer aos responsables de Optimil. A cadea de ópticas pensou que o ozono podía ser a mellor alternativa e buscou o expertise de Ausavil no sector da limpeza.
Nun momento tan delicado como aquel para a actividade comercial polo temor da xente ao contaxio, Ausavil e Optimil concibiron o Covid-Killer, unha cabina que esteriliza ata 36 lentes en dous minutos e medio. Transforma o osíxeno en ozono para a desinfección e logo convérteo outra vez en osíxeno para que non sexa prexudicial. “O proxecto resume a nosa forma innovar”, conta Samuel Vidal, responsable de márketing de Ausavil: “un cliente vén cunha necesidade ou cunha idea e poñémonos ao choio para dar solucións de valor engadido, tendo en conta, ademais, que neste caso concreto estaba a abrirse un novo mercado para a desinfección”.
Cinco marcas e un obxectivo
De feito, o dispositivo é adaptable a outros sectores e ten moita vida máis aló do coronavirus porque axiliza a rutina de limpeza dos establecementos. Coma neste proxecto, Ausavil leva dúas décadas aproveitando todas as oportunidades de diversificación que xurdiron. O resultado é un grupo multimarca en constante evolución que exporta a outros países da UE, Sudamérica e África.
Sportgarden agrupa a fabricación e distribución de produtos de xardinería, forestal e horta. Con Enoil elabora depósitos de aceiro inoxidable a medida para viño e aceite. Stark encárgase dos equipos profesionais de limpeza e auga a presión, onde a empresa “ten o obxectivo de ser a número un do sector”, segundo Vidal. A experiencia acumulada en deseño e tecnoloxía punteira favoreceu a creación dunha spin-off, Stark Box, para o negocio das cabinas de lavado de coches que o grupo explota directamente ou instala para estacións de servizo.
Diversificando e pechando o ciclo
A quinta marca e a máis recente chámase Starkvill e completa o ciclo da limpeza en Ausavil. “Faltábannos os produtos químicos”, responde o responsable de márketing. “Empezamos enfocados na industria da automoción –lembra Samuel Vidal–, pero coas necesidades que ían trasladándonos os clientes fomos quen de aumentar a oferta para outros sectores”.
Ausavil compraba a outras empresas os produtos químicos que necesitaba para, por exemplo, as cabinas de lavado de automóbiles. Pero a investigación do mercado convenceunos de que era posible mellorar a calidade da oferta existente e sacar unha liña para autoabastecerse e fornecer tamén a terceiros. “A clave é non parar de innovar e ofrecer a gama máis completa de produtos”, receita Vidal.
Dixitalización para producir e vender máis
A boa acollida a Starkvill impulsou a construción da nova factoría na Estrada para potenciar a fabricación propia, seguir crecendo en produtos e reforzar a loxística e a prevención de riscos polas particularidades da manipulación dos produtos químicos. A factoría estará totalmente automatizada e contará cunha moderna cadea de envasado.
“Estamos en pleno proceso de dixitalización co lanzamento das novas webs das marcas para que o cliente acceda directamente aos catálogos”, explica Vidal. Ademais, todas as novidades de produtos cólganse na plataforma B2B que o grupo implantou para facilitar a relación cos compradores. A través dela é posible realizar pedidos e facer seguimento dos albarás.
Por que innovar?
O catálogo de produtos de Ausavil é “a consecuencia do traballo e da implicación de todas as áreas da empresa” e “a definición do noso espírito emprendedor e da aposta en firme pola I+D+i”. O equipo de enxeñería deseña a medida para os clientes ou pode adaptar maquinaria xa existente ás súas necesidades concretas. “Facemos un prototipo que se proba nas nosas instalacións ou nas do comprador para verificar que cumpre as expectativas antes de envialo a produción”, asegura Samuel Vidal, que considera fundamental en todo o proceso a rápida detección do que se demanda no mercado a través da rede de comerciais. “Están na rúa e coñecen ao cliente”, subliña.
Experiencia, vocación de servizo e automatización son as tres patas que explican a expansión do grupo, xunto coa innovación. “Sen ela, desde logo non teríamos chegado a moitos clientes cos que estamos hoxe”, di o responsable de márketing de Ausavil. “A alternativa é quedar atrás, estancarte cun só produto que teñas. Hai que abrir novos mercados e non parar de crecer –destaca–. Sacar unha nova marca e construír unha fábrica co último en tecnoloxía nestes tempos difíciles creo que son un bo exemplo da nosa aposta pola innovación”.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS