O tamaño nos móbiles non importa: adeus ás pantallas pequenas
Os innumerables servizos que prestan os smartphones chocan a miúdo coa incomodidade dunha pantalla pequena en comparación con outros dispositivos que permiten visualizar mellor cada tarefa e aproveitar as aplicacións. Ancora, unha spin-off da Universidade de Vigo, desenvolveu un software que permite trasladar de forma segura a interface do teléfono a unha pantalla máis grande.
Desde a Sexta Avenida de Nova York, o directivo de Motorola Martin Cooper chamou á oficina do seu principal rival en Bell Labs
, Joel Engel. As dúas compañías pelexaban por sacar o primeiro teléfono móbil ao mercado. E Cooper, desde un prototipo de case quilo e medio, anunciou ao seu colega ese 3 de abril de 1973 que gañaba el. “Non lle fixo moita graza”, comentaba despois de colgar.
Motorola tardou unha década máis en comercializar o seu primeiro dispositivo, o DynaTAC 800X, algo máis pequeno e lixeiro –33 centímetros e 794 gramos– e cunha batería dunha hora de duración. A realidade superaba, de novo, á ficción. Inspirado no comunicador da saga de Star Trek, como confesou Cooper, vendéronse 300.000 unidades o primeiro ano, a un prezo de 3.995 dólares (3.200 euros).
Todo o que veu despois é unha das maiores revolucións tecnolóxicas da historia. O número de liñas móbiles acaba de superar á poboación mundial e os teléfonos intelixentes non teñen nada que lle envexar aos ordenadores de sobremesa. “Un smartphone normaliño ten moita máis potencia de cálculo que toda a NASA
cando chegou á lúa. Sen irnos tan lonxe, un smartphone actual é equivalente a un PC potente non moi antigo e estanse a anunciar PCs que executan Windows baseados nos mesmos procesadores que levan os teléfonos”, explica Felipe Gil Castiñeira, profesor e investigador do Departamento de Enxeñería Telemática da Universidade de Vigo e director técnico de Ancora, a spin-off que se propuxo acabar cunha das limitacións pendentes: o tamaño da pantalla.
Unha xanela máis
Hoxe case todos dispoñemos dun móbil cunha potencia elevada, pero, a pesar dos moitos avances, a interface de usuario –os menús ou as xanelas coas que o usuario se comunica co equipo– é aínda limitada. Ao volver dunha estancia no Nokia Research Center de Palo Alto (California), Gil Castiñeira comezou a madurar no Grupo de Tecnoloxías da Información, integrado no centro singular de investigación AtlantTIC, a idea de estender a interface do móbil a outros dispositivos para sacarlle máis proveito.
O resultado é Ancora I/O, que vén ser coma un brazo para o teléfono. Unha vez instalado o software no terminal e nun computador ou nun pequeno dispositivo conectado á pantalla, ao teclado ou ao rato, quedan vinculados. Todo segue no móbil, pero as aplicacións poden usarse no computador, en pantalla grande, coma se fose unha xanela máis do programa operativo. Ou copiar e pegar contidos e acceder aos ficheiros e ás notificacións do smartphone.
Para os programadores de aplicacións, Ancora engade ferramentas que permiten mesmo facer parte do traballo no móbil e o resto na pantalla externa ou noutro teléfono. A tecnoloxía adáptase a todo tipo de usuarios que combinan teléfono e computadora. Comerciais, repartidores ou operarios de plantas industriais, por exemplo, que empregan o móbil como ferramenta para o seu labor, pero que tamén necesitan realizar interaccións máis complexas coas aplicacións “e queren facelo de forma segura, sen poñer en risco a información, moitas veces confidencial, que manexan”, afirma Alexandre Bastos, cofundador de Ancora.
Seguridade blindada
¿Como se garante esa seguridade, un dos principais atractivos da ferramenta? “Podemos dicir que o smartphone é o almacén seguro no que o usuario leva as súas aplicacións e os seus datos –responde Bastos– e nunca saen de alí”. O único transferido ao dispositivo remoto é a interface, é dicir, un reflexo do que ocorre no móbil e que desaparece do “espello” en canto se desconecta. O procedemento de autenticación do usuario e o teléfono, xunto cunha canle cifrada entre os dispositivos, impiden, ademais, calquera interferencia non desexada.
A diferenza doutras tecnoloxías similares, centradas unicamente en replicar a pantalla do móbil e sen adaptación ao novo dispositivo, Ancora posibilita aos creadores de aplicacións “deseñar interaccións co usuario totalmente innovadoras”.
As próximas versións incorporarán a opción de utilizar as aplicacións dun móbil desde outro ou desde unha tableta ou a televisión, tamén de forma simultánea. “Poderemos ter un xogo no noso teléfono e compartilo con outras persoas e velo todos xuntos na smartTV do salón”, sinala Bastos.
Proxectos estratéxicos
Os impulsores do proxecto destacan a importancia de aproveitar a experiencia da investigación universitaria. “Unha gran vantaxe, xa que seguramente non sería viable que unha empresa estivese a financiar este tipo de investigación durante un período longo”, apunta Gil Castiñeira.
Ancora concorreu ao Ignicia, o programa da Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración coa Fundación Barrié, que ten como obxectivo a transferencia ao mercado dos resultados do traballo dos investigadores de Galicia e a súa materialización en patentes, empregos de alta cualificación e novas empresas. “O acerto do programa é que combina os dous mundos, o da universidade e a empresa, proporcionando os mecanismos para levar os resultados de investigación ao mercado”, resalta Gil Castiñeira, o que permitiu aliviar “as numerosas trabas burocráticas que fan o traballo menos áxil que nunha compañía privada”.
“Hai moito que mellorar niso –coincide Alexandre Bastos–, pero tamén hai que recoñecer que o grupo de investigación, AtlantTIC e a Universidade tratan os proxectos Ignicia como estratéxicos, poñendo á nosa disposición recursos de incubación de custo elevado e apoiándonos para encaixar o noso traballo na burocracia”. Algo fundamental nun sector como as TIC, moi aberto, “que obriga a pensar os equipos, a lingua de traballo, o volume de recursos ou as patentes, desde unha perspectiva global”.
Antes da súa conversión nunha empresa dentro duns meses, Ancora ultima a validación do mercado ao que se dirixe, o modelo de negocio, os segmentos de cliente e as canles para chegar a eles. O lanzamento da primeira versión do kit para creadores de aplicacións dentro da sección 4YFN para startups do Mobile World Congress en Barcelona achegounos a potenciais compradores. “De feito, decidimos poñer en marcha un programa específico para dar acceso á tecnoloxía de forma inmediata aos primeiros interesados”, anuncia Bastos.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS