O sabor dos bosques galegos en todo o mundo
«Sen valor engadido en produto e marca, non poderiamos competir no mercado internacional da castaña».
Cando a alta cociña devolveu o protagonismo perdido á castaña, Alibós xa estaba aí. Coñecía dabondo o produto porque levaba anos aproveitando os alimentos silvestres. A empresa de Lugo decidiu plantarlle cara á industria transformadora doutros países. A súa aposta triunfou, apoiada na calidade da castaña galega, na economía circular e na innovación constante en produtos e procesos para romper os esquemas dun sector pouco dado aos cambios.
Hai estudos científicos que proban a presenza de pole da flor do castiñeiro xa no Pleistoceno. Como de habitual serían os seus froitos na dieta dos galegos, que, cando a pataca chegou de América, a xente referíase a ela como “a castaña da terra”. A popularización do tubérculo e tamén do millo acabou co lugar privilexiado na mesa que tiña a castaña, ata que a alta gastronomía a rescatou.
O cambio non pasou desapercibido para Alibós. A empresa de Monterroso naceu en 1968 para aproveitar os alimentos silvestres da zona. Foron uns visionarios entón porque souberon sacarlle partido á exportación de cogomelos; e volveron cazar moi rápido as novas tendencias culinarias cando nos anos 90 decidiron especializarse na castaña e conquistar países como Francia, Suíza, Italia, Alemaña, Reino Unido, Estados Unidos e Xapón.
“Galicia dispón da mellor terra e do mellor clima para a produción da castaña e había unha gran oportunidade para a súa transformación, como fai a grande industria do sector en Francia, pero en orixe”, conta Rocío Freire, directora de Produción, Calidade e I+D de Alibós.
En constante crecemento
Polas súas instalacións pasan cada ano entre 7 e 8 millóns de quilos de castañas. Alibós pela e conxela o froito para a venda a outras empresas alimentarias que preparan produtos con elas. “Cada vez estamos a crecer máis. A raíz do último plan de innovación no que estamos a traballar co apoio do programa InnovaPeme da Xunta, pretendemos facer castaña conxelada de marca propia ou marca de cliente para venda directa ao consumidor”, avanza Freire. Alibós elabora tamén purés e cremas.
A vocación innovadora vai no ADN da empresa. É un produto moi específico nun sector con poucas empresas, polo que tampouco sobran provedores de tecnoloxía. No pelado, por exemplo, hai que retirar a casca e a pel da castaña. Debe facerse en frío para non alterar as condicións do froito. A falta de maquinaria específica obrigou a Alibós a adaptar dispositivos pensados orixinalmente para cortar outras froitas e verduras.
Diversificando a oferta
Hai 15 anos que Alibós empezou a súa aposta polo desenvolvemento de proxectos de I+D con persoal dedicado exclusivamente a esa tarefa, pensando na ampliación da oferta, pero tamén no envasado e no márketing. “Estamos nun sector bastante clásico –recoñece Raquel Freire– onde existen unha serie de produtos que levan anos utilizándose sen apenas novidades”.
Non será porque á castaña lle falten beneficios para a saúde. É rica en vitaminas e minerais, antiinflamatoria e non ten glute. Por iso, Alibós liderou entre 2018 e 2020 o consorcio Sénior Plus para sacar ao mercado un batido dirixido a persoas maiores con necesidades nutricionais elevadas, financiado pola Axencia Galega de Innovación con fondos FEDER.
Pechar o círculo coa natureza
Aquela fábrica que hai máis de 50 anos naceu para poñer en valor os recursos da súa contorna é hoxe un nome propio da castaña no mundo que exporta o 95% da súa produción a unha vintena de países. O que non cambiou foi a vocación de convivir en equilibrio coa natureza. “É a fonte da nosa materia prima”, resalta Rocío Freire. Alibós ten en marcha o Proxecto Soutos para a recuperación das plantacións de castiñeiro en Galicia, con acordos a longo prazo cos propietarios das terras.
Todas as castañas que non serven para cociñar comercialízanse nunha liña de alimentación para porcos. Grazas á colaboración con industrias doutros sectores para analizar que se podía facer coas cascas e a auga do lavado, Alibós logrou o seu obxectivo de revalorizar os subproductos que deixa o procesado. “Hoxe podemos dicir que non xeramos case ningún residuo”, asegura Rocío Freire.
Por que innovar?
A innovación permitiulle a Alibós diferenciarse da competencia nun mercado pequeno e afastado. A industria da castaña concéntrase en Portugal, Italia e Francia. “Nós podemos darlle un valor engadido aos produtos e á marca”, conta Rocío Freire, especialmente satisfeita por todos os avances en economía circular da empresa nos últimos anos.
A importancia que a empresa luguesa lle dá á I+D faina estar moi pendente “do último” para a súa posible incorporación á liña de procesado, incluídas as novidades en visión artificial ou trazabilidade. Para iso, segundo a directora de produción de Alibós, é fundamental o contacto cos centros tecnolóxicos, “que serven de ponte ás empresas para implementar o máis pronto posible as novas tecnoloxías e seguir dando valor engadido ao produto”.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS