A polo liderado da nova carreira espacial
A conquista do espazo xa non está restrinxida ás grandes corporacións tecnolóxicas mundiais. Tras o exitoso lanzamento en 2012 do Xatcobeo, o primeiro nanosatélite español, a Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo decidiu crear unha spin-off para comercializar a súa pioneira tecnoloxía que permite ter listo un satélite en menos de 8 meses. Alén Space colaborou xa coa ONU e a Axencia Espacial Europea, entre outros organismos de referencia no sector.
As baterías do transmisor do Sputnik 1 aguantaron 21 días. Durante ese tempo, o primeiro satélite artificial enviado ao espazo emitiu un sinal perceptible para os radio operadores de todo o mundo. Un incesante “bip” que os científicos estadounidenses trataron de descifrar en busca de supostas comunicacións secretas entre as autoridades rusas, artífices do lanzamento, que realmente non existían.
Cun diámetro de 58 centímetros, catro longas antenas telescópicas de dous metros e 80 quilogramos, o Sputnik 1 tardou 98 minutos en orbitar a Terra tras despegar o 4 de outubro de 1957 desde un pequeno pobo de Casaquistán, naquel momento territorio da antiga URSS. Ao Goberno de EEUU presidido por Dwight D. Eisenhower non lle quedou outra alternativa que acelerar o seu propio programa de investimentos para non quedar atrasado. Comezaba a carreira espacial.
Nestes 61 anos lanzáronse miles de satélites. Cantos exactamente? Pois non hai unha cifra oficial. A Oficina da ONU para Asuntos Espaciais (Unoosa) estima uns 8.000 obxectos, aínda que os seus cálculos inclúen outro tipo de dispositivos como foguetes e sondas, e é previsible que a cifra quede moi curta en pouco tempo coa revolución actual dos nanosatélites.
Pesan menos de 10 quilogramos, teñen o tamaño dunha caixa de zapatos e supoñen un baixo custo para que case calquera empresa ou institución poida entrar na industria bautizada como NewSpace. A carreira espacial democratízase. “Estamos nun sector en claro crecemento e cunhas perspectivas moi prometedoras. Da mesma maneira que internet foi o caldo de cultivo perfecto para centos de startups, hoxe en día o espazo é o ecosistema no que se están a desenvolver moitas novas ideas de negocio”, asegura Guillermo Lamelas, cofundador e CEO de Alén Space, a empresa galega pioneira no impulso dos nanosatélites en España.
Desde Galicia ao espazo exterior
Foi en 2012. Ás 11 da mañá daquel 13 de febreiro a Universidade de Vigo fixo historia. Bastaron dúas horas desde a saída a bordo do foguete Vega do Porto Espacial de Kourou, na Guaiana Francesa, para que o Xatcobeo dese sinais de vida. O primeiro nanosatélite español tivo selo made in Galicia e seguía o modelo dos CubeSat: un estándar de deseño a partir de cubos de 10 centímetros de aresta e 1,33 quilogramos de peso combinados entre si como o xogo do mecano, ideado en 1999 pola Universidade Estatal de California e a Universidade de Stanford para abaratar o acceso dos investigadores ao espazo.
Esta vez foi a Agrupación Estratéxica Aeroespacial da universidade viguesa a que aproveitou este tipo de satélites para protagonizar, segundo Lamelas, “un fito e un momento emblemático”. O éxito do proxecto propiciou a creación da spin-off Alén Space para comercializar os servizos e os produtos nos que o departamento estivera traballando nos últimos anos. “Queremos demostrar que desde Galicia tamén se pode competir e apostar pola innovación –resume o CEO da empresa–, mesmo nun sector tan punteiro tecnoloxicamente coma o aeroespacial”.
En só 8 meses
Ao Xatcobeo seguíronlle o Humsat-D, o primeiro nanosatélite da ONU para a recollida de datos con obxectivos humanitarios; o DustCube, en colaboración coa Axencia Espacial Europea
para estudar a traxectoria de asteroides e as consecuencias dun impacto provocado para afastalos da Terra; ou o Serpens, man a man coa Axencia Espacial Brasileira
. Durante todo este tempo, o equipo de Alén Space colaborou con varios dos principais organismos do sector no mundo. Agora, o seu negocio de solucións “chave en man” abarca a consultoría, o deseño, a fabricación ao completo en Galicia e a operación de pequenos satélites.
Lonxe dos entre 5 e 15 anos que pode alongarse a preparación dun satélite convencional, o equipo de enxeñeiros da spin-off galega ofrece nanosatélites nun prazo máximo de oito meses. “Outras grandes empresas do sector non teñen esa flexibilidade para adaptarse ao que necesitan os clientes que chegan con necesidades un pouco máis específicas”, apunta Lamelas. “É unha das nosas fortalezas –engade–, que se completa co noso software e hardware de vangarda e cos altos estándares de calidade cos que traballamos, unha das razóns polas que temos un 100% de éxito nas misións nas que estivemos ata agora”.
Constelacións de nanosatélites
Só a imaxinación parece poder limitar as aplicacións dos nanosatélites. As máis habituais na actualidade son as comunicacións, as tarefas de observación, a previsión climática, a supervisión de cultivos, o seguimento de avións e de mercadorías e o apoio ás smart cities, entre outras.
“Pode facernos un encargo calquera empresa interesada nunha idea de negocio no espazo, desde startups coma nós que queiran poñer en marcha servizos innovadores baseados en constelacións de nanosatélites, ata grandes empresas que necesiten asegurar datos clave para os seus negocios, reducir custos operativos ou abrir novas liñas de negocio, ademais de administracións que desexen aumentar ou asegurar a prestación dos servizos que dan coa súa rede de satélites”, explica Guillermo Lamelas.
Nesa liña vai o Lume-1, fabricado en Vigo e que sairá cara o espazo o próximo día 27 de decembro no marco do proxecto europeo FireRS para a alerta temperá e a xestión de incendios forestais.
Vantaxes competitivas
No salto de Alén Space desde a investigación ao mercado foi fundamental a participación no programa Ignicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e en colaboración coa Fundación Barrié, para apoiar proxectos de investigación desenvolvidos nos centros de coñecemento de Galicia, que se atopan xa nun estado de madurez e requiren un impulso para a validación da tecnoloxía. “Axudounos a asentar as bases coas que hoxe podemos crecer”, indica Lamelas. O apoio financeiro fixo posible a transferencia tecnolóxica desde a Universidade de Vigo, o adestramento de novos perfís no equipo, a industrialización da tecnoloxía e a internacionalización. “Tamén quero destacar a importancia de contar cos expertos de Gain –continúa o CEO da empresa–. O seu apoio foi fundamental en todo este camiño”.
Se en calquera sector a competencia no mundo global é altísima, na industria espacial é aínda máis dura. “Iso require moverse e buscar vantaxes competitivas”, afirma Lamelas, que inclúe entre esas vantaxes a posibilidade de fichar talento procedente da Universidade de Vigo.
Alén Space está en pleno proceso de crecemento para reforzar o labor comercial e captar financiamento. A meta en 2019 é a consolidación como unha marca de referencia en Europa e Latinoamérica e o posicionamiento entre os líderes mundiais do sector nos próximos cinco anos. “Imos dar –avanza Guillermo Lamelas– moito que falar”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS