Innovar para volver á esencia do turismo rural
«A oferta rural convencional estaba obsoleta e a innovación era a resposta».
Aldea do Mazo naceu das ruínas dun antigo poboado de artesáns do ferro no Courel. Na cabeza do seu promotor non estaba explotar o de sempre, senón todo o contrario: cambiar o modelo de turismo rural. Suso Fernández observou que a demanda estaba cambiando e lanzouse a innovar para dar resposta á demanda crecente de visitantes que desexan empaparse da natureza. O resultado é un complexo sustentable, polivalente e, sobre todo, cunha proposta de valor singular e atractiva para turistas e empresas.
A Suso Fernández dáballe voltas na cabeza a idea de emprender algún proxecto na Serra do Courel, en Lugo, desde que a visitara por primeira vez durante a súa etapa de estudante nos anos 80. A súa reinvención do turismo rural empezou así, polo apego persoal a unha das zonas máis espectaculares e máxicas de Galicia.
Marabillado tamén pola paisaxe, Suso Fernández decidiu comprar unha das casas da antiga Aldea do Mazo. Foi casualidade. El dedicábase á construción e á rehabilitación de vivendas en pobos apartados e o propietario do inmoble máis grande ofreceullo. “Comprei a casa sen ningunha outra intención que ter unha propiedade no Courel”, lembra, pero convencérono para poñerse “co Mazo enteiro”.
Baixo as ruínas que atopou Fernández durmían 350 anos de tradición do forxado. Entre o século XVII e finais do XIX, a zona foi basicamente un poboado de talleres de ferro que se abastecían da auga do río Pequeno para mover a maquinaria. O empresario tardou dous anos en comprar un par de vivendas máis e os terreos.
Só para a urbanización necesitáronse 72 camións de pedra. “Houbo días que traballamos aquí 40 persoas”, relata, convencido de que, sen os medios e a experiencia previa da súa empresa en proxectos deste tipo, sería imposible completar a rehabilitación dos 1200 metros cadrados de edificios tradicionais en só un ano e medio.
Reinventar cun enfoque sustentable
A nova Aldea do Mazo abriu as portas en 2012 como unha alternativa innovadora ao modelo de turismo rural convencional, desposuído da súa esencia e necesitado de recuperar o seu auténtico valor: a conexión co campo, coa tradición, coa natureza e co descanso.
O complexo reúne todos os servizos imaxinables nun establecemento hostaleiro de categoría alta –unha piscina climatizada con vistas á montaña, por exemplo–, pero respectando escrupulosamente o estilo de construción de antano no Courel a partir de pedra e madeira. Os dous materiais blindan o illamento térmico e acústico das instalacións para satisfacer a crecente demanda de visitantes en busca dunha verdadeira desconexión nunha contorna sostible.
A auga quéntase con placas solares. As caldeiras de condensación funcionan a baixa temperatura para reducir ao mínimo as emisións contaminantes. Ata a madeira que cae nos soutos dos arredores se usa para facer os piares dos soportais, acender o forno e as grellas e dar calor na cova, un edificio de alta construción bioclimática metido na montaña que serve de salón de actos.
Unha proposta de valor versátil
A versatilidade e a vistosidade das instalacións permite a Aldea do Mazo ser “moi polivalente” na súa oferta, segundo Fernández. “Estamos moi orientados aos eventos, que cada vez son máis numerosos”, engade o propietario do complexo, con capacidade para 110 comensais e entre 45 e 50 prazas de aloxamento.
Ás vodas, ás xornadas de formación de empresas e aos congresos fóronse sumando estes últimos anos “os clientes de terapias de crecemento persoal”. “Vén xente de todo o mundo que coñece o Courel e moitas veces vanse coa reserva feita para o ano seguinte”, conta Suso Fernández.
Aldea do Mazo recibiu unha boa dose de popularidade cando protagonizou en outubro de 2019 o popular programa de televisión Volando voy que o aventureiro Jesús Calleja gravou no Courel. Non hai mellor promoción para o establecemento que devolverlle a vida a unha vella aldea, aínda que Fernández ten moi claro que “o principal valor é sen dúbida, o lugar onde estamos. Non se ve ningún outro edificio, non se escoita outro son que non sexa o da natureza”, destaca.
Por que innovar?
O turismo non é moi diferente ao resto de sectores da economía, en cambio constante para adaptarse aos novos hábitos de consumo. Suso Fernández viuno claramente no caso “da oferta inicial que houbo en Galicia en casas de aldea con reservas por habitacións. Estaba a quedar obsoleta porque ten moitas vantaxes para aproveitar a gastronomía, por exemplo, pero o gran inconveniente é a falta de privacidade”, afirma.
Así que desde o principio o propietario de Aldea do Mazo orientou a rehabilitación a construír unha oferta innovadora baseada nos valores máis demandados actualmente no turismo rural: a privacidade e a tranquilidade. “Por iso construín un recinto onde cada persoa goza do seu espazo totalmente independente. Moita xente quere descansar e que non a molesten”, insiste Fernández. A aposta por ese outro tipo de turismo rural obrigou mesmo a abrir camiños que custou moito construír para garantir a separación entre instalacións e estancias. “A innovación deunos a resposta”, resume.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS