Tecnoloxía galega que chega a Silicon Valley para verificar contido multimedia
Esta iniciativa céntrase en crear ferramentas de verificación e integridade de imaxes que serven para detectar fake news e aumentar a confianza nos chamados procesos de digital onboarding.
En tempos de fake news, bulos ou noticias falsas que se propagan pola rede como a pólvora, consolídase o proxecto AidFork, liderado por Fernando Pérez-González, doutor enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo e catedrático do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións, e apoiado polo Programa Ignicia, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié. Esta iniciativa céntrase en crear ferramentas de verificación e integridade de imaxes que serven para detectar fake news e aumentar a confianza nos chamados procesos de digital onboarding, é dicir, aqueles nos que os usuarios se rexistran de maneira remota para acceder a servizos dixitais. Ademais, estas solucións forenses que deseña AidFork tamén axudan aos corpos e forzas de seguridade do Estado para achegar evidencias en investigacións criminais.
Concretamente, AidFork céntrase en dúas solucións tecnolóxicas diferentes. Por unha banda, a denominada Vidinger, que permite establecer o momento preciso dunha gravación de vídeo en interior a partir de variacións invisibles na iluminación que se corresponden con pequenas alteracións da frecuencia da rede eléctrica; estas variacións conforman un patrón temporal único que se pode buscar no vídeo para saber con moita precisión cando se gravou. Por outra banda, está a solución Fawrensian, que permite analizar unha fotografía e determinar se foi alterada e, no caso de que sexa así, produce un mapa que mostra a probabilidade de que cada píxel fose modificado, de modo que se poida xulgar se se corresponde cunha manipulación feita cun software de tratamento de imaxes.
Precisamente, esta tecnoloxía Fawrensian espertou o interese de Jumio, que se atopa en Silicon Valley, coa que chegaron a un acordo. Así, a multinacional ofrece este servizo a empresas de todo o mundo interesadas en saber se a fotografía dun documento de identidade que se envía para abrir unha conta bancaria ou solicitar un préstamo é auténtica. Grazas á venda da licenza, Jumio contratou co grupo de investigación de AidFork dous proxectos de I+D para mellorar aínda máis o rendemento do sistema.
A tecnoloxía Fawrensian segue en constante evolución: agora válese de algoritmos de intelixencia artificial para detectar manipulacións que resultaban inabordables desde o punto de vista convencional. “Dado que conservamos a propiedade intelectual do desenvolvemento, a medio prazo consideramos unha posible venda da tecnoloxía completa”, explica Fernando Pérez-González sobre as perspectivas de futuro.
Sobre a achega do programa Ignicia a AidFork, o doutor enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo asegura que foi “absolutamente esencial para conseguir traspasar as paredes do laboratorio universitario. Sen a posibilidade de contratar a un desenvolvedor de negocio, é impensable que lográsemos vender a nosa tecnoloxía a unha empresa do Silicon Valley”, conclúe Pérez-González.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS