¿É un paxaro? ¿É un avión? Non, é o futuro
Hai poucos sectores cun grao de desenvolvemento tan importante nos últimos cinco anos coma o dos drons. Convertéronse en indispensables primeiro para a gravación de imaxes aéreas e empezan a selo agora en inspeccións de infraestruturas e actividades industriais ou en emerxencias. En todas esas aplicacións, a empresa galega Aeromedia, cunha rede de 18 delegacións e máis de 30 aeronaves, é xa un referente do mercado dos avións non tripulados en España.
A diferenza doutros sistemas de control remoto de vehículos da súa época, Nikola Tesla presumía de que o seu non necesitaba cables para que “barcos ou vehículos de calquera tipo” foran capaces de “levar cartas, paquetes, provisións, instrumentos, obxectos ou materiais e establecer comunicacións con rexións inaccesibles e explorar as condicións das mesmas”.
A patente do coñecido físico e enxeñeiro remóntase a novembro de… 1898. Pero non pode ser máis actual. Hoxe, entre outras moitísimas utilidades para os drons, as empresas de distribución ensaian con eles a repartición de paquetes e os dispositivos de busca de desaparecidos incorporan avións non tripulados. Tesla esbozou a gran revolución que lle esperaba á industria aeronáutica un século despois.
“Gústanos comparar o desenvolvemento do sector coa evolución da telefonía móbil. Quen pensaría en 2006 que, cinco anos despois, teriamos no peto unha ferramenta como os actuais smartphones!”, apunta Aquilino Abeal, director xeral de Aeromedia UAV, empresa galega pioneira na prestación de servizos con sistemas aéreos pilotados remotamente, os RPAs (as siglas en inglés de remotely piloted aircraft).
“Estamos seguros de que moitos dos usos futuros dos drons hoxe en día nin os podemos supoñer –engade Carlos de la Rocha, director de proxectos da compañía–. Será o mercado o que o diga e Aeromedia estará aí para escoitalo”.
O potencial das imaxes aéreas
Aeromedia levantou o voo en 2012. Naquel momento, a filmación con avións non tripulados era o mercado máis incipiente das aplicacións dos drons grazas ao desenvolvemento de cámaras para ir embarcadas. “Tanto as produtoras como o sector turístico viron un gran potencial na toma de imaxes aéreas para os seus vídeos e producións audiovisuais”, relata Abeal.
Entre todos os traballos asinados pola empresa destacan, pola súa difusión, os documentais de natureza coa cadea pública británica BBC
e anuncios publicitarios para marcas tan relevantes como Pull&Bear
, Iberdrola
, Lotería Nacional
, Feiraco
ou Don Simón
.
Oferta integral
A vocación de estar moi atentos ao mercado e innovar marcou o rumbo da empresa desde o seu nacemento. “Xa estaba claro que o mundo das aplicacións era infinito”, sostén De la Rocha.
Así que a evolución da compañía foi natural, en paralelo ao desenvolvemento “exponencial nestes últimos cinco anos” da tecnoloxía necesaria para dotar de máis cometidos aos drons. Aeromedia adaptou o seu plan estratéxico a finais de 2016 e creou áreas específicas para emerxencias, o sector forestal e a inspección industrial.
A experiencia acumulada e a expansión territorial a través de delegacións propias e franquías no resto de España –18 en total, con máis de 30 pilotos e aeronaves dispoñibles– outorgáronlle á empresa vantaxe sobre a súa competencia. “Estamos moi orgullosos dos nosos traballos coa Axencia Galega de Emerxencias, primeiro organismo en crear unha unidade con drons”, apuntan na compañía, xunto cos traballos de inspección de infraestruturas, antenas de comunicacións e parques eólicos; e clientes como Seaga
, Tragsa
e Ence
na área forestal.
Aeromedia completa a súa oferta integral de servizos cunha división dedicada á formación, coa que imparte a titulación de piloto de drons e cursos especializados.
Plan de expansión
Xusto cando Aeromedia maduraba a súa expansión, en España entrou en vigor a primeira normativa para operacións con aeronaves de ata 25 quilogramos pilotadas por control remoto. Foi en outubro de 2014. Dábase o pistoletazo de saída á carreira para expandirse no mercado.
Para financiar a fase inicial de crecemento “e situarnos no mercado como referente”, a empresa conseguiu o apoio do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras (GIE), co que a Axencia Galega de Innovación (Gain) e Xesgalicia fomentan o espírito emprendedor nas pemes e a creación dunha rede galega de investidores particulares a través do capital risco.
Os directivos da compañía destacan o traballo desenvolvido “por Gain e a administración autonómica en xeral” para “promocionar Galicia como referente no uso civil de drons a través do programa Civil UAVs Initiative”, co que a Xunta quere promover un polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados en Galicia e potenciar o seu emprego para a mellora da prestación de servizos públicos.
“É unha oportunidade única para o desenvolvemento do sector, tanto das empresas galegas como de calquera outra compañía relacionada co avance dos distintos sistemas que teña intención de investir en Galicia”, destacan Aquilino Abeal e Carlos de la Rocha.
Emprender nun sector novo
Se emprender é sempre un reto, probablemente o desafío e maior nun sector onde todo é novo. Desde a normativa ás expectativas do mercado. “A única forma de avanzar é comprobar que o que fas é correcto e, se hai desviacións, detectalas canto antes”, explica Abeal. “Non se trata de ser uns iluminados –continúa De la Rocha–senón de recibir o feedback dos clientes, detectar as necesidades e adaptarse a elas”.
A automatización dos procesos
Aeromedia prevé consolidarse no mercado nacional e emprender despois o voo noutros países europeos e Iberoamérica.
A tendencia actual no sector é a automatización de procesos e a interpretación dos datos obtidos co software que viaxa no dron. ¿Por exemplo? “Unha explotación agrícola non quere imaxes nin un mapa de cores. Quere que lle digas rapidamente que problemas ten o seu cultivo e onde”, aseguran en Aeromedia, que ten xa acordos con varias empresas para o desenvolvemento da interpretación de datos en aplicacións relevantes dos RPAs.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS