Os drons galegos que fan voar moi alto a innovación
«Queremos diferenciarnos, ser mellores cada día. E iso vén da innovación».
Aerocamaras entra na loxística mariña cun servizo de delivery para iates e outro de subministración a grandes buques. É o enésimo exemplo do talento innovador desta empresa de solucións integrais con drons que despegou no sector cando os avións non tripulados eran case ciencia ficción e que voa cada vez máis alto co seu propio modelo de UAV e con 34 escolas de formación de pilotos.
Despois de dirixir os departamentos de márketing de dúas multinacionais, Jaime Pereira montou a súa propia axencia de produción audiovisual. Hai máis dunha década, a única opción para os planos aéreos era contratar un helicóptero. “Carísimo”, lembra o emprendedor. A inspiración para conseguir imaxes espectaculares sen gastar tanto diñeiro viaxou desde Hawai. Alí vivía un amigo surfeiro que en redes sociais mostraba as piruetas no mar utilizando un dron. “Falei con el e a partir de aí decidimos comprar o primeiro, algo do xurásico”, conta o CEO de Aerocamaras, líder hoxe na prestación de servizos con vehículos aéreos non tripulados (UAV) en España.
Ás gravacións para publicidade, reportaxes e ficción sumouse enseguida o contrato cunha empresa de enxeñería presente en sete países para realizar estudos de eficiencia enerxética en fachadas. Logo xurdiron traballos de topografía, agricultura, inspeccións… “O dron converteuse nunha ferramenta necesaria e seguen aparecendo novas demandas en seguridade, emerxencias, fotografía ou loxística, onde estamos metidos agora con dous grandes proxectos”, explica Pereira.
Loxística mariña a calquera escala
Aerocamaras estreou este verán en Cala Tarida (Ibiza) un pioneiro servizo de delivery para iates. Funciona practicamente igual que as plataformas de comida a domicilio. Os usuarios acceden á aplicación de Drone to Yatch e reciben o pedido. “Imos abrir un modelo de franquía para expandilo o máis rápido posible porque o posicionamento é clave”, conta o CEO.
Para envíos e inspeccións a embarcacións máis grandes, a compañía lanzou Drons Maritime mediante unha joint venture con Península, a especialista en bunkering e subministración de combustible mariño presente en 18 países e cunha facturación de 7.000 millóns de dólares anuais. “Estamos afeitos a aprender rápido e a empaparnos da experiencia dos nosos socios, é a base da nosa metodoloxía de innovación”, detalla Jaime Pereira. Hai listos xa 12 sistemas para operar no Campo de Xibraltar e Alxeciras, con entregas de ata 6 quilos. O obxectivo é chegar a 200 quilos a través dun consorcio –co Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais e a Universidade Politécnica de Valencia– que concorre a unha convocatoria do CDTI.
A diferenciación cun modelo propio
A empresa con sede en Lalín xa demostrou a súa capacidade para aproveitar a gran versatilidade dos UAV co desenvolvemento de Drone Velutina, gañador nos proxectos de aceleración da Business Factory Aero (BFAero) impulsada pola Xunta de Galicia. O departamento de I+D equipou o vehículo cun dispositivo que inocula directamente o veleno nos niños da avespa asiática. Ademais de manter a distancia para evitar riscos ao operario, “é moi competitivo porque reduce custos e tempo”.
O próximo ano sairá a versión actualizada dos seus drons híbridos de fabricación propia. AeroHyb Exacopter combina as baterías coa gasolina para conseguir ata sete horas de voo. O novo modelo terá máis autonomía e capacidade de carga. “Isto diferéncianos, fainos competitivos e permítenos ser produtivos en moitos servizos que sen esta tecnoloxía serían imposibles de levar a cabo”, destaca Pereira.
Formación especializada en expansión
Aerocamaras voa en círculo para “ofrecer solucións 360 graos” con drons. Como cada vez aparecían novas oportunidades de negocio máis especializadas, a empresa apostou pola formación para ampliar a súa nómina de pilotos e cubrir a demanda doutros. “Calquera cliente pode elixir entre subcontratarnos ou ben que lles proporcionemos drons, formación e os trámites de xestión aeronáutica para os permisos”, describe Jaime Pereira.
A rede de escolas integra 30 centros en España, catro en Portugal e, proximamente, desembarcará en México, Colombia e Chile, apoiándose no formato online. “Temos o noso propio simulador de voo para facer as prácticas e seleccionamos moi ben os temarios e os instrutores para que sexa un ensino eminentemente práctico e con valor engadido”, explica o responsable de Aerocamaras.
Por que innovar?
Todo é tan novo no sector dos drons que aprender é xa innovar. “Estudas continuamente novas ferramentas, sensores, baterías, motores… Non queda outra que estar moi ao día e atento ao mercado global para acceder aos materiais”, conta o CEO de Aerocamaras. “E nós non queremos ser un máis –destaca Jaime Pereira–. Queremos diferenciarnos, ser mellores cada día. E iso vén da innovación. Así nacemos e así é a nosa filosofía”.
A empresa non se conforma con detectar as necesidades latentes do mercado, “senón que nalgúns casos adiantámonos a poñer o dron como unha ferramenta ao servizo dun sector. Que é como se xeran os negocios”, segundo Pereira, firme partidario de innovar tamén internamente para mellorar o funcionamento da empresa. “En administración, no departamento financeiro ou en aplicacións de control, como fixemos con Aeronet, unha plataforma interna que supervisa todas as nosas operacións e conecta todos os departamentos –engade–. É un software, non un dron, pero para min supón una das nosas maiores innovacións”.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS